Título: "Muradana"
Letra: Coplas populares
Música: Popular / Manuel Rey Posse
Ano: s. XIX / meados e finais (?) s. XX
Arranxo: Ángel Viro
Xénero: Pot-pourri/Moiñeira
País: Galiza
COMENTARIO
Este tema parece un pot-pourri (ou popurrí) de tres temas muito populares: primeiro, o "Lévame, lévame", nun comezo "Moiñeira de Vilagarcia", que é atribuído a Manuel Rey Posse (Vilagarcia, 1890-1952); segundo, as coplas dedicadas á "Carballeira de San Xusto", un dos lugares sacros mais emblemáticos da Galiza; e terceiro, o tamén popularísimo "Polo río abaixo...", cuxo retrouso aparece noutras cantigas e do que descoñecemos calquer dado de autoría ou data.
O programa No bico un cantar, da Televisión Galega, dedicou o capítulo do pasado 1 de marzo ao "Lévame, lévame", cuxo video fica disponíbel no seu web. Luis Tobío Campos (Brión, 1861-Compostela, 1943), correspondente de Rosalía de Castro, recolleu na sua precoz Colección de Cantigas da Mahia [Amaia] (1880) a famosísima e saudosísima estrofe nuclear da Carballeira de San Xusto (o artigo da Wikipedia compila até sete estrofes):
Carballeira de San Xusto,
carballeira derramada;
naquela carballeiriña
perdín a miña navalla.
Supoñemos que o mestre Manuel Ángel Viro Caamaño, fundador (1965) e actual director da Coral Polifónica do Centro Artístico Sportivo de Ponteareas, fixo o acoplamento e os correspondentes arranxos musicais. Na páxina da Federación Coral Galega atribúese a música da "Muradana" a "Ángel Viro-Rafael P?" [sic] e os arranxos a SATB. Descoñecemos o sentido do título, pois as letras dos temas os relacionan con lugares ben afastados de Muros, como Vilargarcía, na ría de Arousa, ou a parroquia de San Xurxo de Sacos, no Concello de Cotobade. En galego "muradana" é tamén o "mantelo ou avental que usaban as mulleres" (Estraviz ).
Após muito tempo sen interpretala en público, a incluimos no programa para o último Festival de Primavera. É tema animoso e variegado, que move a cantar en grupo, e que xunta, co fio do amor, tres, montañesa, fluvial e mariñeira, das múltiples facianas da terra galega.
LETRA
Eis a parte da letra que interpretamos as mulleres:
PARTITURA
4 voces - PDF na páxina de Ángel Viro
VIDEO
"Lévame, lévame" interpretado por A Roda (1978)
IMAXE
IMAXE
A imaxe acima é unha fotografía tirada pola fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson que percorreu as zonas rural e mariñeira da Galiza en duas campañas entre os anos 924 e 1925 enviada pola Hispanic American Society para capturar o mundo que a modernidade estaba a banir. The Hispanic Society of Americana e a Xunta da Galiza coeditaron en 1998 unha recompilación dunhas 5000 fotografías intitulada Ruth Matilda Anderson Fotografias de Galicia 1924-1925.
LIGAZÓNS E BIBLIOGRAFIA
Selección de Cancións Galegas: O Galego - Xunta-Espazo Abalar
Páxina de Ángel Viro - Curriculum
Páxina da CRTV: No bico un cantar: "Lévame, lévame"
[Apresentación e video do programa]
Domingo Blanco Pérez (ed.), A poesía popular en Galicia 1745-1885.
Recopilación, estudio e edición crítica, Vigo, 1992 (2 tomos)
Sobre Ruth Matilda Anderson: Disquecool - Costa da Morte de Galicia
Sobre Ruth Matilda Anderson: Disquecool - Costa da Morte de Galicia
Sem comentários:
Enviar um comentário