Read more: http://www.bloggergifs.com/2013/12/abrir-enlaces-externos-en-otra-pestana.html#ixzz2qsNiSmUb Fuente: http://www.bloggergifs.com/ Follow us: @alore67 on Twitter

quinta-feira, 15 de maio de 2014

Próxima actuación no Concerto das Letras Galegas en Bueu




Este sábado 17 de Maio participaremos no Concerto das Letras Galegas 2014 que se celebrará na Igrexa parroquial de San Martiño de Bueu a partir das 21:00 h. As outras corais participantes son o Coro San Xulián (Marín), a Coral Polifónica Atlántida de Matamá (Vigo), a Coral Tierras Altas de Sanabria y Carballeda (Zamora) e os anfitrións da Coral Polifónica "Marusía" (Bueu).


CARTAZ DO CONCERTO




DÍA DAS LETRAS GALEGAS · 2014



Xosé María Díaz Castro
Vilariño (Os Vilares, Guitiriz), 1914 - Lugo, 1990


Penélope

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envolveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

                 Traguerán os camiños algún día                   
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!"


                                                                                                               Nimbos, Vigo, 1961



VÍDEOS

        
   Mini e Mero cantan o poema "Penélope"                  Manuel María recita o poema "Penélope"

LIGAZÓNS

Sobre a igrexa de San Martiño de Bueu

Concello de Bueu (inventario turístico)

Sobre Xosé María Díaz Castro

Díaz Castro (Web dedicada à vida e obra do poeta) - Sobre Nimbos e "Penélope" 
Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg): U. didáctica sobre Nimbos PDF




quarta-feira, 14 de maio de 2014

V Festival de Primavera en Cecebre



V FESTIVAL DE PRIMAVERA

Teatro da Xuventude, Cecebre
Sábado 10 de maio

Corais participantes

Coral Polifónica Marusía (Bueu)
Coral Polifónica Don Diego de Muros
Coral Polifónica Endesa (As Pontes)
Coral Polifónica Santa María de Cambre


COMENTARIO

Por estar convalencente dunha operación non puiden asistir ao V Festival de Primavera, polo que non sei como decorreu o evento e cal foi o repertorio interpretado. Espero subir estes dados, xunto cos nomes dos directores, se consigo o programa de man. Nós interpretamos "Terra meiga", "Os teus ollos", "Bolboreta" e "Muradana". Por outros anos podo adiviñar o entusiasmo do público e o ambiente de camaraderia na merenda ceia con que fechamos a xornada. Valla, pois, este breve apontamento para dar conta da primeira actuación da tempada.

TRÍPTICO DO CONCERTO

 


Caché da páxina do Concello [PDF]

FOTOGRAFÍAS DO EVENTO

 Un momento da actuación da CP Marusia de Bueu e entrega do obsequio ao seu director pola nosa secretario Olga.

Abaixo, actuación e entrega do agasallo da Coral Polifónica Don Diego de Muros.

 Actuación da Coral Polifónica Endesa e entrega de obsequio á sua directora Olga Vigo polo noso Presidente Garay.

 Abaixo, un momento da interpretación da nosa coral e detalle con Gesto, Pedro, Pepe e Juan (cima),
e Carlota, Luisa, Sol, Maruja, Olga, Herminia e Guillermina (abaixo)



AGASALLO PARA AS CORAIS CONVIDADAS

Coral Polifónica Santa María de Cambre
V Festival de Primavera / Cambre / 10 de Maio de 2014
com agarimo a
Coral Polifónica {Marusía} [de Bueu] / [Pontevedra]

sexta-feira, 9 de maio de 2014

Próxima actuación no V Festival de Primavera



Mañán sabado 10 de maio decorrerá o Festival de Primavera, que organiza a nosa Coral desde 2010. Nesta V edición as corais convidadas son a CP Marusía de Bueu, a CP Don Diego de Muros e a CP Endesa das Pontes. O Festival celebrarase, como todos os anos, no Teatro da Xuventude de Cecebre, un dos locais con maior soleira da comarca, a partir das oito do serán. A entrada é de balde.



CARTAZ DO FESTIVAL


CORAIS CONVIDADAS

Coral Polifónica 'Marusía' de Bueu (2013) · Fonte: Diario de Pontevedra

Coral Polifónica Don Diego de Muros (2012) · Fonte: Que pasa na Costa

Coral Polifónica Endesa. Fonte: Coral de Endesa

quinta-feira, 1 de maio de 2014

Obsequio da excompañeira María Nieves Giráldez



A excompañera María Nieves Giráldez Fernández acompañounos durante uns meses do ano 2012, facendo parte da sección de contraltos. Antes de nos deixar agasallounos cun pirogravado da cabeceira da igrexa de Santa María, emblema da agrupación, que dá constancia do seu paso pola nosa coral. 




EMBLEMA DA CORAL POLIFÓNICA SANTA MARIA DE CAMBRE


"Coral Polifónica Santa María de Cambre" 
CAMBRE - A CORUÑA / Mª Nieves - ano 2012


segunda-feira, 28 de abril de 2014

Obsequio de José Iglesias Botana, "Pepe"



Mais un obsequio dun membro da Coral. Desta vez o artista é José Iglesias Botana, "Pepe", que doou a meados do pasado mes de marzo un belo debuxo na difícil e laboriosa técnica do bico de pluma do emblema da nosa Coral, a cabeceira da igrexa de Santa Maria, onde se ven tres dos seus cinco absides. Na fotografia, ainda convalencente dunha recente operación, aparece coa sua dona, Merche, na ceia de Natal que celebramos en decembro no local social.



EMBLEMA DA CORAL POLIFÓNICA SANTA MARIA DE CAMBRE



"Coral Polifónica Santa María de Cambre" 


sábado, 26 de abril de 2014

Entrevista á nosa compañeira Mª Antonia Enríquez Villa, 'Toñi'



A coruñesa María Antonia Enríquez Villa entrou ha pouco mais dun ano na Coral. A sua actitude participativa e a sua experiencia musical favoreceron a súa rápida integración no grupo, adquiriendo a sua opinión un grande ascendente sobre os seus compañeiros.

******* 


Onde decorreu a túa infancia?

Na zona dos Castros, A Coruña.

A que te dedicaches na túa vida laboral?

Exercín de modista.

Na entrega da medalla Marcial del Adalid à nosa directora, outubro 2013.
À esquerda, entre Chus e Carlota, e acompañada de Chus co retrato de Carlos III no fundo.

Desde cando moras en Cambre?

Desde o ano 1999.

En que actividades sociais participas alén do Coro?

En apoio de persoas con minusvalías no sanatorio de Oza.


ORIXE DOS APELIDOS
Cartografía dos Apelidos de Galicia - Instituto da Lingua Galega - USC

Distribución de "Enríquez"                      Distribución de "Villa"

"Enríquez" é apelido patronínimo procedente do nome Henrique, polo que non ten unha orixe comun, aínda que un dos seus focos mais antigos é a montaña ourensá (Teixeira, Casto Caldelas, etc.). A forma galega correcta é Henríquez, con agá e seseio. Galego importante con ese apelido é o poeta de Celanova Manuel Curros Enríquez. Por sua parte, "Villa" é clara forma castelanizada de "Vila". A versión castellana 'Villa' ten un dos seus focos na zona de Asturias e norte de Castela e León. Na Galiza concéntrase, curiosamente, no suleste (Oia).

Que te motivou para entrares na Coral?

Sou mui aficionada ao canto, e tamén quería demostrarme que eran quen de subir a un escenario.

Que pensa a túa familia da túa implicación no Coro?

O ve mui ben. Mui positivo.

Tiñas algún tipo de experiencia musical cando entraches na Coral?

Tres anos de piano e coral no colexio parroquial de Oza.

No centro do grupo, na representación de zarzuela no Parque de Cambre, xullo 2014

Que é do que mais gostas das actividades que desenvolvedes?

Cantar nas actuacions.

Cres que as actividades da Coral receben suficiente recoñecimento e apoio institucionais?

Non.

No xantar de confraternización, Ribeira, novembro 2013 con Rosalía e Sol.
No Xantar de Entroidos en Bribes, febreiro 2014, con Merche e unha amiga portuguesa



Adagio do Concerto para oboe en Re menor de Alessandro Marcello


domingo, 13 de abril de 2014

'¡Non máis emigración!', a primeira zarzuela galega


Título: ¡Non máis emigración!
Libretista: Ramón Armada Teixeiro
Música: Felisindo Rego
Ano: 1886
Lugar: A Habana




COMENTARIO

Ramón Armada Teixeiro (Ortigueira 1858 - A Habana 1920), que fundara xunto con Manuel Lugrís o primeiro periódico publicado á íntegra en galego na emigración americana (o mensal A Gaita Gallega, 1885-1889), foi tamén o autor da primeira zarzuela galega, ¡Non mais emigración! (Apropóseto líreco-dramáteco), que se estreou no Gran Teatro Tacón da Habana en 10 de agosto de 1886 [O 29 segundo Daniel Salgado]. O libreto está baseado na sua peza teatral Non mais emigración publicada na mesma cidade un ano antes co pseudónimo 'Amador Marán' e con cuxa estreia en 10 de abril de 1886 se tornou tamén a primeira obra en galego representada fóra da Galiza. A música de Felisindo Rego está perdida. No mesmo ano publica no nº 13 de A Gaita Gallega o texto dun "Himno Gallego", firmando agora como 'Chumín de Céltigos', musicado por Felipe Pereira.

A reivindicación política contra a emigración non voltaria a aparecer na historia da zarzuela galega: "En lugar de ponerse en escena el tema de la emigración –en la línea del teatro social iniciado por ¡Non mais emigración!- músicos y escritores se conformaron con realizar meros espectáculos de música para los emigrantes." (M. Pilar Alén).

Mas a historia da Galiza quer que continúe vigorante a realidade que produz este punximento e aquele silencio...


"¡Non mais emigración!
  Sempre digamos;
 E qu' emigrar d'a Suevia
  Nunca vexamos.
 Qué hax' achego
 'A térra d' o sofrido
  Póbo gallego."


LIGAZONS

"Ramón Armada Teixeiro. Un dos grandes representantes do xornalismo galego na Cuba do XIX" [Cultura Galega]
"Ramón Armada Teixeiro" [Wikipedia]

¡Non mais emigración! (Apropóseto líreco-dramáteco) [Academia Galega] (coa letra, xuízos da imprensa da época e outros complementos).
"¡Non máis emigración!" [Wikipedia]

Daniel Salgado: "Las zarzuelas del galleguismo" [ELPAÍS, 12/03/12]
M. Pilar Alén, "El tema de la emigración en los compositores gallegos (ca. 1880-1920)" [Anuario Brigantino, 2008 PDF]