Read more: http://www.bloggergifs.com/2013/12/abrir-enlaces-externos-en-otra-pestana.html#ixzz2qsNiSmUb Fuente: http://www.bloggergifs.com/ Follow us: @alore67 on Twitter

sábado, 29 de novembro de 2014

Participación no Festival de Santa Icía en Valdoviño


FESTIVAL DE SANTA ICÍA

Auditorio da Casa da Cultura
Domingo, 23 de novembro

CORAIS PARTICIPANTES

Lucero del Alba (Neda)
CP Santa María de Cambre
Los Nostálgicos


 CRÓNICA DA XORNADA

O pasado domingo participamos no Festival de Santa Icía en Valdoviño, organizado pola Asociación Cultural Recreativa A Frouxeira e o Concello de Valdoviño.

Saímos de Cambre pouco despois das catro da tarde. Cando chegamos a Valdoviño, após unha viaxe dunha hora, a chuva que nos acompañara ao longo de todo o traxecto obrigounos a procurar refuxio mentres algún de nós deitaba unha rápida olladela à curvada orla dourada que separa o verdor da costa da inmensidade cinzenta do océano Atlántico.


 Chegando a Valdoviño

Rapidamente procuramos acomodo na Casa da Cultura e aquecimos a voz no cenario do auditorio. A folgura de tempo permitiunos curiosear contemplando os cadros e fotografías que adornaban as salas do edificio, e brincar un pouco cos tambores dispostos para o concerto. Desafortunadamente, non había programa de man, e esquecime de tirar unha fotografía ao cartaz pendurado da porta, polo que non podemos reflectir os repertorios das agrupacións convidadas. As fotografías, tiradas co telemóvel, tamén non son de grande calidade.
 

Acima: Casa da Cultura. Exterior e Auditorio.
Abaixo: a nosa coral aquecendo a voz e a rondalla
de Lucero del Alba agardando pola coral.

 

Rosalía López brincando coas congas de Lucero del Alba.
As dúas responsábeis do Festival: a representante do Concello
e da A.C.R. A Frouxeira

O concerto deu comezo ás seis do serán, co auditorio, con capacidade para 170 persoas, practicamente cheo. Actuou en primeiro lugar a Agrupación artística Lucero del Alba de Neda, composto por unha coral e unha rondalla onde se apreciaba a xuventude dalguns dos seus membros.

Despois cantamos nós o repertorio anunciado sen nengunha mudanza: "Camino del indio" (F. Cabedo), "Barcarola" (Mendelssohn), "Os teus ollos" (Castro Chané) e "Muradana" (popular).

Por último, actuaron Los Nostálgicos, unha agrupación musical ligada á A.C.R. A Frouxeira, como tamén a Coral Lembranzas da Terra. Eles son un grupo de amigos que se xuntaron a cantar en lugar de gastar o tempo nos bares onde requiran a súa presenza. Muito simpáticos no cenario, nos obsequiaron cunha cumprida antoloxía de boleros (Los Panchos, Pedro Fernández...).

Desta vez os agasallos aos participantes foron entregados inmediatamente despois de candasúa actuación.


Agrupación artística Lucero del Alba (Neda, Ferrolterra)

 Coral Polifónica Santa María de Cambre (As Mariñas)

 Entrega do agasallo á nosa directora por parte da apresentadora
e responsábel da A.R.C. A Frouxeira

 Los Nostálgicos (Valdoviño)

Mas o que non pode faltar é o convite final para partillar petiscos, viños, risos e cantos. Ao longo de dúas compridas mesas ateigadas de viandas no centro social dos organizadores, pasamos os nosos últimos momento nas terras do norte.

 Dous momentos do convite final. Inaugurando os petiscos...
e cantando as loubanzas do viño en Valdoviño.


AGASALLO DOS ORGANIZADORES

FESTIVAL STA. ICÍA
S.C.R. A FROUXEIRA
Valdoviño, 23-11-14




domingo, 23 de novembro de 2014

Música en Cambre: Gaiteiros de Cecebre


Os Gaiteiros de Cecebre, ou Gaiteiros de Cecebre de Pedro Lamas, son unha formación folklórica criada por Pedro Lamas ao abeiro das actividades culturais no Teatro da Xuventude, de cuxas Foliadas de Cecebre falaremos noutra postaxe da sección Música en Cambre.

En 8 de agosto de 2008 crían o Blog Galego "Gaiteiros de Cecebre", há un tempo inoperativo.  En 1 de outubro dese ano a Directiva da Casa da Xuventude de Cecebre promove unhas aulas de gaita ministradas por Pedro Lamas, iniciando unha intensa labor de recuperación cultural na parroquia cambresa d'O Salvador.

Seu repertorio combina as pezas tradicionais con pezas de creación, e dinamizan festas e actos que teñen lugar na comarca das Mariñas. 
As fotografías que acompañan o texto están tiradas da súa participación no PARALELO 43º21'45", festival artístico que decorreu na Cruña en maio de 2010. En 30 de abril de 2012 participan no Festival Solidario "Folk con Lola" no Teatro da Xuventude de Cecebre, organizado pola Asociación Xuvenil Bribeslyhills e a Asociación Cultural Donaire e a Concellalía de Cultura e Servizos Sociais. En 21 de xullo participa na romaría que festexa o XXV Aniversario da Asociación Cultural e Deportiva Garrulaxe de Cambre.

"Os gaiteiros de Cecebre" pasarrúas no Paralelo 43º21'45" (A Cruña,
29/05/2010) - Fotografías de Xacobe Meléndrez- Fonte: xk3foto

Os Gaiteiros de Cecebre (Cecebre, agosto 2011) - Páxina de Os Sobraos no Facebook

CARTAZES 

Gaiteiros de Cecebre: Cruña [nexo5] Osedo, 18 xuño de 2010 e Cecebre, 30 abril de 2012

VIDEO

Video sobre a actividade de recuperación musical e cultural en Cecebre
"Contos de Cecebre" e "Na tardiña" (2005)

LIGAZÓNS

Video 2008 - Youtube - Eventful
Redes: myspace - Facebook

sexta-feira, 21 de novembro de 2014

Domingo cantamos en Valdoviño



Domingo, 23 de novembro, participamos no Festival de Santa Icía que decorrerá no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño a partir das seis do serán. No evento, organizado pola A.C.R. A Frouxeira de Valdoviño e o Concello de Valdoviño, participarán, alén de nós e a Coral Lembranzas da Terra, vinculada á organización anfitroa, a Agrupación artística Lucero del Alba de Neda e Los Nostálgicos.

Nós interpretaremos "Camino del indio" (F. Cabedo), "Barcarola" (Mendelssohn), "Os teus ollos" (Castro Chané) e "Muradana" (popular). Sairemos para Ferrolterra ás catro da tarde da praza do Concello, tendo previsto chegarmos por volta das cinco.

A A.C.R. A Frouxeira foi fundada en 1982. Ten por volta dos 400 socios, sendo Eva Robles Freire a súa actual presidente. Alén de muitas outras actividades sociais e culturais, organiza no mes de xuño a Mostra de Canción Coral, que acadou este ano a vixesimosétima edición [cartaz]. O grupo "Los Nostálgicos" tamén está ligado á asociación.

Recentemente, o Proxecto Gaelaico publicou no seu sitio web unha proposta sobre a orixe do topónimo "Valdoviño" que o fai derivar, ou o emparenta, co topónimo gaélico-escocés "Beul Abhainn Iù" (boca do rio Iù) adaptado á lingua romance galega.

Coral Lembranzas da Terra
vinculada á A.C.R. A Frouxeira de Valdoviño

sábado, 15 de novembro de 2014

Entrevista ao compañeiro Alberto Torreiro


Luis Alberto Torreiro Ares, membro da Coral desde 2007, é actualmente vogal da Xunta Diretiva desde febreiro deste ano. Dotado dunha das mellores voces do grupo, e muito animoso e dinámico nas xuntanzas e nos ensaios, simpático e sempre disposto a colaborar. Alén de bon compañeiro.


Onde decorreu a tua infancia?

Nacín nunha aldea da parroquia de Andeiro, en Cambre; con cinco anos comecei a escola que había no pobo. Recordo que estábamos todos xuntos no mismo local, os pequenos cos que xa terminaban. Cando ia comezar terceiro mandárannos para o grupo escolar Vicente Otero Valcárcel de Carral. Despóis fixen F.P. na Universidade Laboral (actual IES Crucero Baleares).

Con vinteún anos funme a Xerona para facer o servizo militar; despois de facer o campamento alí, mandáronme para Barcelona (automovilismo) onde conseguín os carnés de camíón. Despois de estar sete meses alí, fun destinado á Coruña (automovilismo) donde terminei a mili como chófer do Xefe do Estado Maior.

Na ponta esquerda do coro celebrando o aniversario da coral en Cecebre (2012 e 2014)

Aque te dedicaches na tua vida laboral?

Despois de acabar a mili encontréi traballo na construción como peón; así estiven dous anos até que encontrei traballo nunha empresa de Aire Acondicionado, Electricidade e Calefacción onde estiven vinteún anos (até o seu fechamento). Alícontinuei a formarme nas diferentes facetas as que se dedicaba a empresa. Neste momento traballo noutra similar e na que entrei cando saín da outra hai xa cinco anos e medio.


 Representación de zarzuela en Cecebre (2012): "Marcha dos soldados de Kazan"
 (Katiuska), "La jota de los ratas" (La Gran Vía), con Garai e Xosé Manuel,
 "Mazurca de las sombrillas" (Luisa Fernanda), con Xosé Manuel e María José Ladra.
Momento de despedida con María José Ladra

Dende cando moras en Cambre?

Eu son nativo de Cambre, levo cuarenta anos vivindo aí.

En que actividades sociais participas alén do Coro?

Aparte do coro estoú dende hai un ano indo a clases de gaita galega e participo activamente nos acontecementos que fai a Asociación de Veciños de Andeiro.

Interpretando "Marina" en Cecebre (maio 2012) con Garai e Quique -
Ensaio de zarzuela no Forum Metropolitano da Cruña (xuño 2012) con Sol.


ORIXE DOS APELIDOS
Cartografía dos Apelidos de Galicia - Instituto da Lingua Galega - USC


   Distribución de "Torreiro"             Distribución de "Ares"

"Torreiro" e "Ares" son dous apelidos galegos. Pode ter orixe toponímica. "Torreiro" significa, en galego, persoa encargada dun faro (fareiro), no significado que provén de turris (palabra latina de orixe grega). Tamén significa, coa variante turreiro (provinte do latín turre, terra), barranco ou talude de terra ou pedras; adro ou campo xunto á igrexa, onde se fan as festas; terreo labradio que rodea a casa (Apelidos de Galicia). Parece ter a súa orixe na cerna mesma da Galiza (concellos de Santiso e Agolada). "Ares" é de controvertida etimoloxía. "Para algúns invetigadores trátase dunha variante de Arias; para outros viría de "aira", espazo próximo á casa para mallar os cereais. Mesmo hai quen sostén que podería derivar do prerromano anaris, río. Ares era, para os gregos, o deus da guerra. Malia o anterior, Nicandro Ares fai notar que na tessera hospitalis do Courel, que un dos maxistrados que avalaron o pauto chamábase Latinus e era fillo de Arius." (Arqueoloxía dos Ancares - Apelidos de Galicia - Foros de xenaloxía). O foco principal localízase nos concellos de Aranga, Curtis e Sobrado.


Que te motivou a entrares na Coral?

Son unha persona que dende sempre amei a música, foi a miña profesión frustrada, xa que meus pais non me deixaron estudar música porque me dicían que era unha profesión de nómadas, supoño que algunha razón tiñan. Entón un bom dia apareceron pola miña casa dous componentes da Coral e líaronme para que me metese.

Qué pensa a tua familia da tua implicación no Coro?

A miña familia ainda que non comparte a miña afición, creo que me apoia en todo momento.


 Representación de zarzuela en Sada (outubro, 2012): "Viva Madrid que sí, que sí..."
(Don Manolito), con Delfina, e "El chotis del Elisedo" (La Gran Vía), con Sol

Tiñas algún tipo de experiencia músical cando entraches na Coral?

No coro que tiñamos no colexio, pero xa choveu un pouco desde iso. Aparte diso, eu fun e son un enamorado de todo-los estilos musicais, para min a música é fundamental e marcou toda-las etapas da miña vida.


 Representación de zarzuela en Cambre (agosto 2014): "Marcha dos soldados de Kazan"
(Katiuska), "Por ser la Virgen de la Paloma" (La Verbena de la Paloma),
"Mazurca" (El último romántico), "El chotis del Elisedo" (La Gran Vía), con Sol


Que é do que mais gostas das actividades que desenvolvedes?

O que mais me enche é a Zarzuela, é un xénero que me fai disfrutar moito. Tamén vou aproveitar o momento para dicir que tamén me gustaría cantar boleros co Coro e algún que outro músical que estou seguro que nos podería dar moitas sastifacións.

Cres que as actividades da Coral receben suficiente recoñocemento e apoio institucionais?

Por suposto que non, agora que estamos en crise recoñezo que hai cousas mais importantes nas que investir os cartos, pero o que non sei é que fixeron en todos estes anos de bonanza económica porque, sinceramente, dame vergonza cando veñen outras Corais convitadas. Cando imos nós as súas terras... QUE AUDITORIOS!,  e como se devotan os seus dirixentes. A verdade é que imos representando ao Concello onde queira que vaiamos e deberíamnos patrocinar un pouco mais.



No xantar de confraternización en Cela (setembro, 2012), coa muller.
Celebrando o 14 aniversarios (outubro 2012), coa muller e a filla.
Despedida con Alfredo e Garai no Forum Metropolitano (xuño 2012)


VIDEO


Luciano Pavaroti interpreta "Nessun dorma" en Los Ángeles, 1994