Read more: http://www.bloggergifs.com/2013/12/abrir-enlaces-externos-en-otra-pestana.html#ixzz2qsNiSmUb Fuente: http://www.bloggergifs.com/ Follow us: @alore67 on Twitter

sábado, 9 de fevereiro de 2013

Entrevista a Alfredo Álvarez Muiños, Tesoureiro da Coral Santa María de Cambre

"Toda unha vida dedicada a esta paixón que é a música"

Coruñés con longa tradición musical, integrouse na Coral Santa María de Cambre, da que a súa dona Luisa Armesto era directora musical desde a súa fundación en 1998, en 2001. Forma parte da Xunta directiva desde 2010, cando subsituiu Luis Cobas como tesoureiro da entidade. Man direita da directora, encárgase especialmente de todo o relacionado coa posta en escena. 


*******

Onde decorreu a túa infancia?

A miña moi feliz infancia transcorreu en Catro Camiños, barrio onde nacín e pasei dezasete anos con moi bo recordo que ás veces rememoro agradablemente.

Vista da praza de Catro Camiños nos anos 60.
A que te dedicaches na tua vida laboral?

A miña vida laboral comezou moi cedo. Con só dezasete anos comecei a traballar nun taller de autos na rúa Posse da Gaiteira, aprendendo os enredos da administración. Posteriormente traballei en empresas da construción como botones de oficina. A primeira foi a que fixo o viaduto de entrada á Coruña, e a segunda a que fixo a ampliación da Ponte da Pasaxe (jolín, que maior son...!), e acórdome que, como era menor, me esixiron unha autorización de meu pai, e un certificado acreditando que pertencía á O.J.E. [Organización Juvenil Española]. Posteriormente hai trinta e sete anos presenteime ás oposiciones da Seguridade Social, sacando a praza no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, onde estiven catro anos e medio, para volver ao Hospital Juán Canalejo, onde continúo na actualidade.

Cantando coa Coral na igrexa do Sancti Spiritus,
Melide, decembro  2012. Xusto abaixo da imaxe
de san Francisco.
Cales son as tuas aficións alén da música?

As miñas afeccións á parte de música son: viaxar, coñecer lugares e xente, pasear, conversar, escoitar a radio, e deportes en xeral, pero sen paixón.

Que significa a música na tua vida?

A música formou e forma parte importante da miña vida. Con desasete anos entrei a formar parte da coral O Eco, onde estiven once anos e coñecín a Luisa, que entrou un ano despois que min. Alí cantei opera, pois todos os anos facíamos a tempada en Coruña e Vigo. Despois estiven na coral do Casino da Coruña e no coro da Sagrada Familia, fixen colaboracións co Orfeón Herculino, a Compañía Nito de Antón de Santiago, facendo zarzuela e os apropósitos de Carnaval. Na actualidade formo parte da coral de Cambre e da de Bribes, da que sou Vicepresidente. Como ves, toda una vida dedicada a esta paixón que é a música.

Agardando a actuación no Festival de Polifonia
e Habaneras, Cambre  2011.  O segundo pola direita
Que te motivou para entrares na Coral?

O que me motivou para entrar na coral foi o de sempre, o amor pola música, ainda que teño que dicirche que naquel momento non me encontraba ben animicamente, e aínda que acompañaba a Luisa a maior parte dos días de ensaio, eu me pasaba o tempo de espera paseando co can polos arredores.

Como levas participar nunha coral tan afastada do teu lugar de residencia?

Teño que dicirche que nunca ao longo da vida me preocupou onde tiña que desprazarme para poder levar a cabo a miña afección musical, e ao fin e ao cabo Cambre ven sendo a miña segunda casa e hai que pensar que está ai ao lado e que chego antes que á Praza de María Pita.

Que coñecias de Cambre antes de participares na Coral?


A verdade é que pouco, pero teño que dicir que hai anos, era eu moi neno, teño vido algunha que outra vez, xa que á miña irmá pasaba no verán algún mes de vacacións na casa duns amigos de meus pais.


Interpretando a Marcha dos Cosacos de Kazán,
Sada, outubro 2012. O segundo pola direita.
Que é do que mais gostas das actividades que desenvolvedes?

A min as actividades que desenvolvemos gústanme todas, pero teño que recoñecer que na actualidade o espectáculo de zarzuela éncheme moito.

Como levas as túas labores directivas na Coral, ocupan moito do teu tempo?


Ata o momento non teño problema ningún, tes que pensar que cando o grupo directivo se leva como nos levamos nós as tarefas son moi levadeiras, xa que as decisións tomámolas todos en grupo, aínda que as tarefas están todas repartidas. Todos os meus compañeiros valen moito.

De troula natalina após a actuación no Sancti
Spiritus, Melide, decembro 2012
Cres que as actividades da Coral receben suficiente recoñecimento e apoio institucionais?

Todos sabemos como traballan as institucións, oxalá cambiasen e mirasen un pouco mais pola cultura. Non tes nin idea do que temos que pelexar con eles para convencelos, concretamente co espectáculo da zarzuela que montamos. Cústalles un mundo contratarnos, iso si, despois todos son parabéns e felicitacións.

Cal é a tua opinión sobre o nivel da música coral en Galicia?

Penso que ao longo de Galicia hai distintos niveis na música coral, pero en liñas xerais eu inclínome a considerar que o nivel é medio-alto.

*******


OS MEUS FAVORITOS


     1. Afección favorita (alén da música): A amizade.

     2. Prato favorito: Moitos, gústame comer; a paella.

     3. Libro favorito: El muchacho del pijama a rayas, impresionoume. 

     4. Filme preferido: Calquera que teña trama xudicial. 

     5. Unha viaxe especial: A Sudafrica e o Nepal.

     6. Xénero musical preferido: Música clásica, ópera, zarzuela.

     7. Canción favorita: Moitas, cada día érgome entoando unha distinta.




Sem comentários:

Enviar um comentário