Read more: http://www.bloggergifs.com/2013/12/abrir-enlaces-externos-en-otra-pestana.html#ixzz2qsNiSmUb Fuente: http://www.bloggergifs.com/ Follow us: @alore67 on Twitter

quinta-feira, 17 de julho de 2014

2004 Decembro - Encontro de música de Natal na Coruña (II)

XV ENCONTRO DE MÚSICA NATALINA "CIDADE DA CORUÑA"
GALA DE CLAUSURA


Palacio da Ópera da Coruña
Sábado 18 de decembro

Corais participantes

CP Santa María de Cambre
Coro Infantil e Xuvenil Cantabile
Orfeón Herculino
Coral A Grande Obra de Atocha
CP de Mera
CP do Centro Social Sagrada Familia
CP Follas Novas

COMENTARIO

A Gala de Clausura do XV Encontro de Música Natalina "Cidade da Coruña" decorreu o venres 17, segundo información de La Voz de Galicia, ou o sábado 18, segundo un dos folletos que se adxuntan, no Palacio da Ópera e dividiuse en duas partes. Na primeira fomos intervindo a CP Santa María de Cambre, o Coro Infantil e Xuvenil Cantabile, o Orfeón Herculino, a Coral A Grande Obra de Atocha, a CP de Mera, a Coral do Centro Social Sagrada Familia e a CP Follas Novas; a segunda consistiu nunha actuación conxunta de todas as corais participantes.

Retiramos a fotografía da Gala de clausura de La Voz de Galicia. A imaxe do cabezallo é un retoque dunha fotografía da XXII edición retirada de aqui.

FOLLETO DA SESIÓN DE CLAUSURA



FOTOGRAFÍAS DO PALACIO DA ÓPERA 

 Duas perspectivas do Palacio da Ópera, unha das secuelas do Proxecto de Ricardo Bofill (1986)

AGASALLO DOS ORGANIZADORES

XV / ENCONTRO
DE MÚSICA / NATALINA
CIDADE / DA CORUÑA
DECEMBRO 2004






quarta-feira, 16 de julho de 2014

As obras cénicas de Marcial del Adalid (I): 'Pedro Madruga'


Título: Pedro Madruga
Libretista: Fernando Fulgosio ou Xan Cuveiro Piñol?
Música: Marcial del Adalid
Ano: [ca. 1872]
Lugar: [París]





COMENTARIO


Marcial del Adalid y Gurrea (1825-1881), músico romántico galego, representante do Rexurdimento no ámbito musical, foi un dos propulsores das corais orfeónicas, da recolección do folclore galego e da música 'culta' ou 'clásica' na Galiza. Casou coa escritora Fanny Garrido, de quen musicou muitos poemas. Viaxou por Londres, París e Madrid, morando en diversas etapas da súa vida na capital francesa. Das publicacións en vida da súa obra, composta mormente para piano, destacan Cantos Populares Gallegos! e Cantares Nuevos y Viejos de Galicia.

A única obra cénica de Marcial del Adalid foi tamén a primeira obra do xénero na Galiza, tanto na versión de zarzuela, Pedro Madruga, como na de ópera, Inese e Bianca. Proximamente dedicaremos unha postaxe á versión operística.

Pedro Madruga (zarzuela)

A sua primeira peza para a cena foi a zarzuela en tres actos Pedro Madruga, composta na década de 1860 ou en 1872 sobre libreto de Fernando Fulgosio ou de Xan Cuveiro Piñol (que publicaría en 1897 o seu Pedro Madruga: drama histórico n’un auto e tres cadros, en verso). A obra, que non foi conservada nin representada, foi reconvertida por Adalid na ópera Inese e Bianca. A figura de Pedro Álvarez de Soutomaior, "Pedro Madruga", representaba, coa do marechal Pardo de Cela, "o modelo da defensa da dignidade do pobo galego contra o poder centralizador de Castela" nunha fase do galeguismo en que o Provincialismo viraba Rexionalismo.

O argumento de Inese e Bianca pode servir para facérmonos unha ideia da que puido ser primeira zarzuela galega:

ARGUMENTO

"A acción transcorre en Galicia, concretamente nas proximidades do castelo de Sotomaior, na época das revoltas irmandiñas. Pedro, un mozo da aldea namorado de Inés é, en realidade, fillo bastardo do señor do castelo; morto o seu pai debe facerse cargo da herdanza, mais promete a Inés amor eterno, tanto na vida como na morte. As súas obrigas lévano á guerra e, ante a desesperación de Inés pola súa marcha o seu pai adoptivo, Diego, cóntalle que podería casarse con Pedro ao ser ela, tamén, de nobre liñaxe: a condesa de Caminha, gorecida na casa de Diego por mor da guerra, pouco despois de chegar morreu ao parir dúas xemelgas; el entregaría unha delas ao conde, o seu verdadeiro pai, quedando coa outra, a mesma Inés, e criándoa como se fose a súa filla. A rapaza corre na procura de Pedro para llo contar, mais morre nun accidente no camiño. O tempo pasa para o desconsolado Pedro, que acaba atopando o amor na actual condesa de Caminha, Blanca, de sorprendente parecido con Inés. Pedro e Blanca prométense e van casar, mais a sombra de Inés aparece para lembrarlle aos noivos a promesa de amor eterno que Pedro lle fixera. Diego revela que ambas son irmás, mais non pode evitar a morte de Pedro, requirido desde ultratumba por Inés." (Javier Jurado Luque, 2010, vol. 1, p. 220).


Da obra, segundo a estudiosa adaliana Margarita Soto Viso (1979), consérvanse os seguintes números en partitura de orquestra: do acto 1º: nº 1, Preludio e coro de aldeanas e besteiros, e nº 2, Romanza de don Pedro; do acto 2º ou 3º, nº [?], Coro da Compaña, ou sexa, de fantasmas; [do acto 3º?], nº 7, Final, coro e baile.

Duas desas pezas, "Coro da Santa Compaña" e "Coro final da Santa Compaña" abren o disco "Concerto" (1992) gravado pola Banda da Escola Naval Militar de Marín e a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra sob a dirección de Xosé Verea Montero. 

En 2005 o compositor Rogelio Groba finaliza a ópera homónima.

VÍDEOS


   
Banda da Escola Naval Militar de Marín
e Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra
27 de maio de 1989

BIBLIOGRAFÍA E LIGAZÓNS


Sobre Marcial del Adalid

"Marcial del Adalid" (Wikipedia)
Mariano Pérez Gutiérrez, Diccionario de la música y los músicos, Volume 1 (Google Books)
José Antonio Bielsa Arbiol, "Biografías Musicales - nº 1: Marcial del Adalid" (Ligazón)
Legado de Marcial del Adalid na Academia Galega (Academia)

Relación de obras

Suzanne Rhodes Draayer, "Marcial del Adalid Gurrea", cap. 25 de Art Song Composers of Spain: An Encyclopedia (Google Books) [relación completa? das súas obras]
Obras de Marcial del Adalid (Xunta - Educación)
Margarita Soto Viso, "Del catálogo provisional de Marcial del Adalid. Estudio sobre la significación de su literatura pianística" (1979) [JSTOR]
Bibliografía de Margarita Soto Viso: Dialnet

Vídeos

Vídeos de Marcial del Adalid (Mashpedia)

Pedro Madruga (zarzuela)

Javier Jurado Luque, A lenda de Montelongo: A zarzuela galega como manifestación cultural multidisciplinar na conformación do nacionalismo galego, TESE, A Coruña, 2010 [Resumo e ligazón a texto completo en Dialnet - Texto completo (PDF) en Repositorio da Universidade da Coruña]
Margarita Soto Viso, "Del catálogo provisional de Marcial del Adalid. Estudio sobre la significación de su literatura pianística" (1979) [JSTOR]

Audio

Podese baixar aquí ou aquí (despois há que descomprimilo para escutar) 


segunda-feira, 14 de julho de 2014

Actuación na Mostra de Corais d'As Pontes



XXIX MOSTRA DE CORAIS 'VILA DAS PONTES'
Auditorio Cine Alovi
Sábado, 12 de xullo

Corais participantes
Coral Polifónica Santa María de Cambre
Coral Polifónica Aires de Carral
Coral Polifónica Entenza
Agrupación Coral Endesa As Pontes


FOLLETO DA AMOSTRA



CRÓNICA

O autocarro que nos levaría nunha soleada tarde de verão para o norte da Galiza ia recollendo os membros da Coral desde a súa saída na praza do Concello até a Costa da Tapia no Temple. As continuas paradas neses pequenos traxectos parecían presaxiar, por contraste, á viaxe através do tempo a unha vila que visitara había case cincuenta anos neste mesmo mes de xullo. Naquela altura As Pontes era a típìca vila labrega interior, case montañesa, na que a feira, o ultramarinos e o 'coche de liña' eran os únicos focos de actividade. Mas, meio século despois, as mudanzas facían irrecoñecíbeis o lugar e as xentes. Comezando pola vías de comunicación: as estradas estreitas e sinuosas sen pintar, que demoraban a viaxe toda unha xornada, deron paso á autoestrada que enfiamos no Temple comunicada directamente à autovía que nos levaría até As Pontes. A mina que aínda non existiría até case un decenio despois, agora está clausurada e tornada no maior lago artificial da península. E a vila camponesa é agora tamén unha vila industrial e de servizos ben comunicada coa cidade de Ferrol.


Estacionando ao carón do Cine Alovi coa Central térmica no fundo.

Sen tempo para mais outra cousa, mudámonos nos camerins e repasamos a orde e o comezo dos catro temas do noso repertorio. Após recibirmos as últimas indicacións da directora, esperamos a que comezase o evento, mentres o pública comezaba a encher a plateia.   

Vista parcial do público asistente.

A velada foi apresentada por Xosé Cendán, que introduciu as corais cunha breve relación da súa fundación e traxectoria. Cada Coral interpretou un programa de catro temas, Nós abrimos a Amostra con "A vella chalana", "Os teus ollos", "Alma, corazón e vida" e "Muradana", un repertorio marcadamente galego. Actuar de primeiros garante que poidamos escuitar con tranquilidade as outras corais.

A continuación actuou a Coral Aires de Carral, sob dirección de Juan J. Gordillo Campelo, desta vez cun repertorio cun único tema galego, "Fisterra", que completaron con "Cruzando los mares", "Madre de mi esperanza" e "Gaviotas".

Santa María de Cambre - Aires de Carral
Entenza - Endesa As Pontes

A Coral Entenza, dirigida por D. Javier Alonso Pérez, tamén trouxo un repertorio onde predominaron os temas galegos, constituído por "Nouturnio", "Negra Sombra", "Elí, Elí" e "A festa maior", que interpretaron con excelente afinación e mestría muito recoñecidas polo público asistente.

Fechou a Amostra a anfitroa Coral Endesa As Pontes, dirixida por Dna. Olga Novo, que interpretou, tamén con grande forza e conxunción, "Cuando voy a la aldea", "Con sabor tropical", "Colás" e, para remate e como única peza galega, a saudosa "Lela", premiada polos aplausos e vítores dos asistentes.

Vista xeral e detalle nun momento da nosa intervención.

O evento concluíu coa entrega de agasallos por parte da concelleira de Cultura, Dna. Sara Ramos, e outras autoridades locais, aos Presidentes das corais convidadas e á directora da Coral Endesa As Pontes, Dna. Olga Novo. 

Juan Garai cunha concelleira d'As Pontes -  Sara Ramos, concelleira de Cultura,
após entregar o agasallo á representante da Coral Aires de Carral -
Outro concelleiro co Presidente da Coral Entenza - O apresentador, Xosé Cendón,
comentando o 40 aniversario da Coral Endesa As Pontes após a entrega
dun ramo de flores á directora Dna. Olga Novo

A xornada, que rematou cunha ceia lixeira mas ben completa que gostou muito por contrastar cos típicos petiscos aos que estamos acostumados, prolongouse entre cantos e risos até pasadas as doce da noite.

Fonte fotografia do lago: elmundo.es - Vídeo de ENDESA sobre o lago

sexta-feira, 11 de julho de 2014

Próxima actuación na Mostra Coral de As Pontes


Este sábado 12 de xullo actuaremos na 29ª Mostra Coral Vila de As Pontes xunto á Coral Polifónica Aires de Carral, a Coral Polifónica Entenza e mais a Coral Endesa As Pontes, organizadora do evento, que decorrerá no Auditorio Cine Alovi a partir das 20:00 h. 

A xornada apreséntase prometedora pola calidade das corais participantes no prestixiado festival da vila do Eume. A anfitroa Endesa As Pontes celebrou en maio o seu 40 aniversario, os nosos viciños de Carral publicaron un disco en novembro de 2013, e o Coro Polifónico Entenza de Salceda de Caselas é unha das corais mais significadas do sur de Pontevedra. Alén diso, o Cine Alovi é o mellor valorado das comarcar de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Nós apresentaremos un programa de cinco temas: "A vella chalana", "Os teus ollos", "Alma, corazón y vida", "Muradana" e "Volvoreta".


CARTAZ DA AMOSTRA



LOCALIZACIÓN


Ver As Pontes num mapa maior

LIGAZÓNS

Coral Polifónica Aires de Carral

Página informativa sobre la Coral Polifónica Aires de Carral (sen actividade)
Victor Castro, "La gran etapa de la CP Aires de Carral" (El Ideal Gallego, 04/04/2013)
Presentación do seu disco (26/11/2013) (El Ideal Gallego - La Opinión da Coruña)

Coro Polifónico Entenza (Salceda de Caselas)

Páxina do Coro Polifónico Entenza

Coral Endesa As Pontes

Páxina Web da Agrupación Coral Endesa



Coral Endesa As Pontes (Noticieiro galego)

Auditorio Municipal Cine Alovi

Fonte da fotografía do Cine Alovi de As Pontes: Panoramio.
Apresentación na páxina do Concello.
Datos técnicos - PDF

quarta-feira, 9 de julho de 2014

Entrevista ao compañeiro Juan Souto, o de Obdulia


Juan Souto Rodríguez, 'o Juan de Obdulia', veterano membro da Coral, entrou uns meses depois que súa dona, con quen forma un casal modélico, sempre xuntos e atentos. O pasado mes de xuño publicamos a entrevista con Obdulia e agora en xullo tócalle a Juan.  


*******

Onde decorreu a túa infancia?

En Cela de Cambre e Cambre.

A que te dedicaches na túa vida laboral?

Trinta anos na hostelería, no meu bar.

No meio do coro ben perto de Obdulia no Teatro da Xuventude de Cecebre (2012)

Desde cando moras en Cambre?

Desde o ano 1956.

En que actividades sociais participas alén do Coro?

O mais parecido son as sesións de natación...


ORIXE DOS APELIDOS
Cartografía dos Apelidos de Galicia - Instituto da Lingua Galega - USC



     Distribución de "Souto"                      Distribución de "Rodríguez"

"Souto" e "Rodríguez" son dous apelidos galegos. "Souto" ven do latín saltu, terreo montañoso, terreo de pasto. Un souto é un terreo povoado de castiñeiros. O genuino Souto e outras variantes morfolóxicas (Soteliño, Soutelo, etc.) conviven coas formas deturpadas derivadas de Soto. O principal foco dese apelido parece ser a terra da Cabana e Ponteceso, na estrema da Terra de Bergatiños. "Rodríguez" é de orixe patronímica. Significa "fillo de Rodrigo" ou "Roderico", nome xermánico. Parece que a sua orixe é galaica e leonesa. Curiosamente, su distribución xeográfica galega compleméntase coa de Souto, marcando o Miño a liña de separación.


Que te motivou para entrares na Coral?

Ao entrar miña dona animoume.

Que pensa a túa familia da túa implicación no Coro?

Parécelle moi ben a todos.
No meio do "coro de doctores" de El rey que rabió (Sada, outubro 2012) -
Aguardando canda Pirri e Pedro nun corredor de servizo no Centro Cívico de Arteixo
antes dunha representación de zarzuela (febreiro, 2013)


Tiñas algún tipo de experiencia musical cando entraches na Coral?

Non tiña ninhua.

Que é do que mais gostas das actividades que desenvolvedes?

Cando temos que bailar.

Cres que as actividades da Coral receben suficiente recoñecimento e apoio institucionais?

Poiderían ter mais.

Festa de Entroido en Bribes (febreiro 2012) con Pedro e Juan -
Natal en Melide (decembro 2012) coa sua dona, Doval, Pedro
e sua dona Palmira, Marién e unha amiga 

Coa sua dona Obdúlia no xantar de Entroido (Bribes, 2014)

*******


VÍDEO

"El gato montés", coñecido pasodoble de Manuel Penella


sexta-feira, 4 de julho de 2014

O noso repertorio: "Coro de majas y estudiantes"


Título: "Coro de majas y estudiantes"
Letra: Luis Mariano de Larra
Música: Francisco Asenjo Barbieri
Ano: 1874
Arranxo: ----
Xénero: Zarzuela
País: Madrid-España





COMENTARIO

Unha peza da nosa antoloxía do 'género chico' é o Coro xeral con que comeza El barberillo de Lavapiés, unha zarzuela en tres actos con texto de Luis Mariano de Larra e música de Francisco Asenjo Barbieri que foi estreada no Teatro de la Zarzuela de Madrid en 18 de decembro de 1874. Tamén coñecido como "Coro de majas y estudiantes" ou, polo primeiro verso, "Dicen que en el Pardo, madre", é un coro muito dinámico e pícaro que reproduz un embate dialéctico entre dous tipos de personaxes bem caracterizados do Madrid decioitesco e que interpretamos por única vez en Sada, há perto de dous anos. Aínda lembro as redes ou 'redecillas' que tivemos que tecer para o vestiario.

A sinopse a seguir é tirada de Lazarzuela.webcindario.com.


La acción transcurre durante el reinado de Carlos III, tras el motín de Esquilache provocado por la prohibición de capas largas y sombreros anchos, fue la época en que se iluminó la Villa y Corte con faroles de aceite y en que se crearon los serenos; ninguna de estas medidas fueron bien acogidas por quien buscaba la complicidad del disimulo y de la oscuridad en apoyo de su impunidad. El argumento, en un ambiente castizo, cuenta, en tres actos, dos historias de amor, una de plebeyos: Paloma y Lamparilla y otra de nobles: la Marquesita (seguidora política de Floridablanca) y Don Luis (partidario y sobrino de Grimaldi, rival político de Floridablanca), todo aderezado de un clima conspiratorio no exento de picardía y de crítica social y política; dichas historias se entrecruzan y se entremezclan con escenas costumbristas. A esta trama aplica Barbieri una música vibrante, destacan en unos números su brillantez (el preludio y presentación de Lamparilla, las seguidillas etc.....), en otros su sustrato popular (la canción de Paloma, el dúo de Paloma y Lamparilla, el de las majas, las caleseras etc.....) y en todos una orquestación genial, una gracia que no caduca y que componen una obra extraordinaria de las que sin ningún sonrojo pueden competir con buena parte de las óperas.


LETRA


Esquemas da coreografía

Esquemas da coreografía - Ensaio de 17 de outubro de 2012

IMAXES


Sada, 20 de outubro de 2012 - Anuncio con programa e crónica.

VIDEO


LIGAZÓNS

PDF (Argumento e letra) - Lazarzuelavecindario.com (sinopse) - VIDEO 

terça-feira, 1 de julho de 2014

Alalá de Triacastela


Continuamos a nosa xeira dedicada aos alalás, para algúns a música mais representativa da Galiza e, en todo caso, xunto a moiñeira e a alborada, unha das suas formas típicas. Desde o "Negra Sombra" (1892), canción canónica da música galega, a cuxa letra rosaliana o compositor Xoán Montes uniu un alalá recollido en A Cruz do Incio, até a abertura de "A Lenda de Montelongo" (1924), a mais emblemática das nosas zarzuelas, pasando polo "Estrelecer" (1920) de José Doncel, o ritmo libre do alalá é martelo ou bigorna con que se conforma a música galega.

Segundo o libro de divulgación Cancioneiro popular de Galicia de Manuel Rico e Antón Santamarina "os cantos arcaicos de ritmo libre, os alalás, carecían na súa execución de acompañamento instrumental melódico ou rítmico [...]. Os alalás eran interpretados a capela, de forma pausada, usando frecuentes melismas e con liberdade recreadora na súa realización definitiva. Moitas veces, despois de interpretar a melodía do alalá, coa súa correspondente letra, repetíanse os dous últimos versos da melodía, ou os catro, co «ailalelo, ailalelo, ailalelo ailalailo»." Aínda que esencialmente vocal, mentres a moiñeira é só de gaita e a alborada é mixta, nos últimos tempos recebe mais acompañamento instrumental do necesario.

A fins do século XIX e no primeiro cuartel do século XX, co Rexurdimento da música galega, diversos autores (Ramón de Arana, Perfecto Feijó, etc.) recompilaran alalás por toda a Galiza e comezaran os primeiros estudos e monografías, como o capítulo, “Los cantos de alalá gallegos”, que Felipe Pedrell lles dedicou no tomo segundo do seu Cancionero Musical Popular Español (1917-21), que fora publicado como artigo na imprensa galega peninsular e ultramarina desde 1914. Escrebía Ramón de Arana a Pedrell xa en 1895 (citado no artigo de Javier Garbacho referido abaixo): 

No puede V. figurarse cuantísimo me alegro de la satisfacción de V. y del buena cierto que he tenido al mandarle esa pequeña muestra de nuestros hermosos cantos populares. Desconocidos (vergüenza da decirlo) por los maestros y aficionados de la región (salvo honradísimas y… muy contadas excepciones) V. como todos los españoles, habrá oído hablar de la muiñeira y alborada gallegas; pero V. con su clarísima intuición y envidiables conocimientos sospechó la existencia de algo más genial y característico, algo que refleja de manera fidelísima nuestro nostálgico carácter, esa morriña que nos ataca y nos mata, ausente de nuestro calumniado país. Y es verdad, los alalás contienen toda la poesía, toda la idílica sencillez de costumbres hoy desgraciadamente maleadas, y llevaron en sus vagas y melancólicas cadencias la soñadora poesía del espíritu de una raza, fuerte, viril, enamorada del término, de los verdes prados, de sus tristes nieblas. Los colectores de cantos gallegos, que no pasan de ser media docena de personas, incluido Adalid e Inzenga, no dieron a los alalás toda la importancia que realmente tienen; yo no sé si las dificultades de harmonización y la estructura de las frases les amedrentaron la empresa, pero lo cierto es que los alalás no aparecen en el numero y en la importancia que tienen, en las colecciones, ni los compositores de casa se dedicaron a divulgarlos. De ahí la grata sorpresa de V.

O título "Alalá de Triacastela", local situado no leste de Sarria, no camiño de Santiago, pode ser partillado por varias pezas distintas. Por un lado, atribúese ao compositor basco Alberto Garaizábal Macazaga [San Sebastián, 1875 - A Coruña, 1947] un "Alalá de Triacastela" a seis voces, a sua principal contribución á música coral galega. Por outro lado, o coro Cantar delas interpreta un "Alalá sentimental de Triacastela", con música e letra tradicionais e arranxo de Fernando G. Jácome. A letra consiste en diferentes coplas populares dedicadas á nai, das que existen múltiplas variantes. Nós acrescentamos en vídeo as interpretacións de Cántigas da Terra e de Luar na Lubre.

LETRA


PARTITURA



VÍDEOS

  
    Cántigas da Terra ("Alalá de Triacastela")                           Luar na Lubre ("Miña nai")                   

LIGAZONS

Cancioneiro Popular Galego: Eu non canto por cantar, 2014 (Letra e música: PDF)
OS SOÑOS DA MEMORIA. Documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudio - PDF
- F. Javier Garbayo Montabes, "Ramón de Arana, “Pizzicatto”: Corresponsal de Felipe Pedrell, crítico y ensayista musical"
- Montserrat Capelán, "Tradicionalismo y escena: una aproximación a la música escénica de José Baldomir"
- Carmen Malde, "El averiguador popular: Ramón de Arana y su cancionero Cantos, Bailes y Tonadas de Galicia (1910)"
LETRA: "Miña nai, miña naiciña" (ogalego.eu)
LETRA E PARTITURA: "Alalá sentimental de Triacastela" PDF (cantardelas)