Read more: http://www.bloggergifs.com/2013/12/abrir-enlaces-externos-en-otra-pestana.html#ixzz2qsNiSmUb Fuente: http://www.bloggergifs.com/ Follow us: @alore67 on Twitter

quinta-feira, 7 de agosto de 2014

XXX Encontro de Habaneras no parque de Santa Margarida


XXX ENCONTRO DE HABANERAS
Anfiteatro do Parque de Santa Margarida
Martes 5 de agosto

Corais participantes

Coral da Grande Obra de Atocha
Coral do Sporting Club Casino
Coral de Santa María de Cambre
Lembranzas de Santa Cruz


CRÓNICA

Despois dun ano de ausencia por causa maior voltamos a participar no tradicional Encontro de Habaneras que se celebra no marco das Festas de María Pita. O festival xunta nesta súa trixésima edición trinta agrupacións musicais (corais, orfeóns, rondalla e tuna) da cidade e a área metropolitana que actuarán do 4 ao 10 de agosto.

Aguardando ante o escritorio do Concello - Vista parcial do público e o palco antes do comezo.

O local e o momento non podían ser mais agradábeis. Unha tarde estival que a brisa temperaba paseando entre os piñeiros o arrecendo do mar. Mas a obriga nos levou ao interior dun módulo de obra onde ensaiamos os temas do programa.

      
Coral da Grande Obra de Atocha - Coral do Sporting Club Casino
Coral de Santa María de Cambre - Lembranzas de Santa Cruz

Quando saímos a plateia estaba ateigada de gente polo que parte do público se acomodaba mais espaciosamente no anfiteatro. Por desgraza non había folletos co programa do festival. Como outros anos, foi momento de reencontros con muitas cigarreiras agora repartidas entre as corais da cidade e arredores.

Catro momentos da nosa participación 


Nós actuamos en terceiro lugar. Por coincidir a sua actuación cos nosos ensaios na caseta non pudemos escuitar a Coral da Grande Obra de Atocha. Despois foi a quenda do Coral do Sporting Clube Casino que interpretaron, entre outros temas, "Granada". Os catro temas do noso programa foron "A vella chalana", "Os teus ollos", "Alma, corazón y vida" e "Muradana". Todas foron muito aplaudidas polo público, de quen recebimos parabéns cando camiñábamos para o anfiteatro para escuitar a última coral, Lembranzas de Santa Cruz, que contan cun solista barítono que cantou maxistralmente o "My Way" de Sinatra. Segundo ían concluindo o apresentador presenteiaba as corais cunha pequena bandeixa de agasallo que xuntaremos no seu momento.

 Dúas vistas do público. 
 Os membros da nosa coral escuitando os últimos participantes.

Non houbo, como noutras ocasións, convite. Polo que una vez concluido festival, e tras conversas de última hora coas amizades que subiram ao autocarro a despedirse, nos retiramos para nosas moradías satisfeitos pola nosa participación.


LIGAZÓNS

Breve noticia sobre a xornada e galería fotográfica da xornada inaugural - LaOpinión
Programa do Encontro: VivirNaCoruña - Culturacoruña
Programa das Festas de María Pita 2014 (PDF) - Corunaonline

 
AGASALLO DA ORGANIZACIÓN





                                                                       

segunda-feira, 4 de agosto de 2014

Próxima participación no XXX Festival de Habaneras de Santa Margarida



Mais un ano actuamos no Festival de Habaneras da Cruña, que decorre no parque de Santa Margarida do 4 ao 10 de agosto. O ano pasado tivemos que renunciar a última hora á nosa participación por unha lesión da nosa directora, polo que nesta XXX edición asistimos con acumulados folgos...

Nós actuaremos na segunda xornada, na terza feira 5 de agosto a partir da 20:00 horas. As agrupacións coas que partillaremos cenario son a Coral da Grande Obra de Atocha, a Coral do Sporting Clube Casino (ambas as dúas da Cruña) e a Coral Lembranzas (Santa Cruz)

O Festival desenvólvese no contexto das Festas de María Pita, cuxo programa e cartazaría está abafantemente dominado polo castelhano e o mal gosto. A burguesía coruñesa continúa disposta a facer da cidade un local política e culturalmente irrelevante pola ansia de refletir nela o seu apoucamento e vulgaridade. 


CARTAZ DAS FESTAS


LIGAZONS

PDF do Programa de Festas
Reportaxe sobre a edicióbn 2013 en TVCoruña.

sábado, 2 de agosto de 2014

O noso repertorio: "La playa del querer"


Título: "La playa del querer"
Letra: Tradicional
Música: Tradicional
Ano: s. XX
Arranxo: ---
Xénero: Habanera
País: Asturies [?]




COMENTARIO

La Habanera é un xénero musical no que os españois trouxeron para a península o que durante decenios levaran para Cuba. Nese cadiño ou crisol de partidas, viaxes e reencontros xestouse unha melodía de cálida nostalxia, na que a saudade das esperanzas virou esperanza da saudade; a ausência da presenza, presenza da ausencia. E así desamores e ausencia son trama e urdidura tamén desta habanera tradicional de orixe alegadamente asturiana. 

Nós ensaiamos esta peza pola primeira vez en 17 de xuño de 2013, e xa a interpretamos en público na XVII Mostra de Habaneras de Carballo, en 29 do mesmo mes. Formará parte do noso programa na actuación que temos programada para o 20 de agosto nos Xardíns de Méndez Núñez da Cruña.

 
"Habana: Avenida del Golfo / Sunset at Gulf Avenue" [Fonte]
"Habana: El Morro desde la Punta / View of Morro from La Punta Fort" [Fonte]

LETRA


Nun Cancionero + de 150 canciones para Fiestas, Celebraciones y Saraos para cantar en Compañía, cuxo PDF xuntamos abaixo, o título da canción [nº 65] é "Entre las olas" e a letra muda a partir do retrouso:

Deja el barco que se va, / se va a la playa, / a la playa del querer; / que allí está su amor amante / que es constante, / que es contante en el querer. // Marinero, marinero, deja el mar si se alborota, / marinero, marinero, / van glayando las gaviotas (bis) // Mil veces busqué la muerte / entre las olas del mar, / mil veces busqué la muerte / y no la pude encontrar. / No llores, mi vida, / no llores, mi amor, / mira que tus lágrimas / me causan dolor. / Si lloras la ausencia / de aquel que te amó, / llora, vida mía, / llora, vida mía, / también lloro yo. / Llora, vida mía, / llora, vida mía, / también lloro yo.

PARTITURA 


Pódese consultar e baixar completa no PDF da Agrupación Polifónica Centro Asturiano de Avilés que xuntamos abaixo en Ligazóns.

LIGAZÓNS

Fotografía do cabezallo: Editorial Picu Urriellu - Artesanía Asturiana
Cartóns Postais de La Habana: Blogue Pensamiento - Web Tesoros del Ayer
Letra PDF Cancionero [...] (Anpe-Asturias)
Partitura PDF (Polifónica Centro Asturiano)

sexta-feira, 1 de agosto de 2014

Alalá do Cebreiro


A información sobre os alalás e un tanto confusa por misturarse os lugares de recollida e os nomes das pezas. Alén diso, as letras varían non poucas veces, sendo habitual que algunhas coplas muito populares servan para interpretar distintos alalás, como comprobamos ao escuitar a versión do Alalá do Cebreiro da Coral De Ruada coas versións do Alalá de Triacastela que vimos recentemente.

Do Alalá do Cebreiro, ou con ese título, temos duas versións que partillan música (con distintos arranxos, obviamente), a de Brañas Folk e a de Nova Galega de Danza, e a da coral De Ruada que parece bastante distinta. E aínda há indicios de haberen outras ou de corresponder algunha delas ao Alalá da Ulla Alta...

Sex o que for, nós deixamos constancia da información recadada na rede aguardando a que o paso do tempo, e a información de eventuais leitores, esclareza algunhas das nosas actuais perplexidades.

LETRA E MÚSICA


Letra e música do Alalá do Cebreiro segundo o Cancioneiro Popular Galego: Eu non canto por cantar. Coa primeira estrofe comeza tamén a versión do Coro De Ruada de Ourense cuxo vídeo xuntamos abaixo.
LETRA


Esta é a letra da versión de Brañas Folk, cuxo vídeo tamén xuntamos abaixo. Unha variante da segunda copla diz: "A raíz do toxo verde, / é moi mala de arrincare, /os amoriños primeiros, / son moi malos de olvidare." A terceira estrofa recollida no concello de Cerceda. Noutra versión ("Non me tires con pedriñas / que eu case non chas aceito / mentres o mundo foi mundo / ti para min xa tes feito") a copla forma parte dun tema interpretado por Uxía titulado "Desamores".

VÍDEOS

          

Coral De Ruada (2012) e Brañas Folk (2009). Abaixo, 
Nova Galega de Danza e Orquestra de Jazz de Galicia (2009)


CAPAS

 

Capas do primeira edición de Así canta Galicia da Coral De Ruada de Ourense
que inclúe unha versión do Alalá do Cebreiro, do disco Alalá do Cebreiro
de Brañas Folk e (abaixo) de Tradicción de Nova Galega de Danza,



 LIGAZONS E BIBLIOGRAFIA

Fonte da fotografia (1910) do Cebreiro: galicianshop.

Cancioneiro Popular Galego: Eu non canto por cantar, 2014 (Letra e música: PDF)

De Ruada (dirección de Manuel de Dios): "Así canta Galicia": 1959 (1 - 2 - 3)
Descargar a versión de Brañas Folk en MP3: FVTO.
O disco de Brañas Fol em SPOTIFY.

Artigo sobre Tradicción, de Nova Galega de Danza no blogue Malmequer
Alalá do Cebreiro de Nova Galega de Danza en DEEZER.
O disco Tradicción de Nova Galega de Danza en MYWAY.




quarta-feira, 30 de julho de 2014

Música en Cambre: Romaría de San Bieito de Mercurín


A romaría de San Bieito de Mercurín (San Xoán de Ancéis) é a única tradicional que se mantén no concello de Cambre. Seguindo un costume que deturpa as nosas tradicións, moveuse o día da romaxe do propio 11 de xullo, día de San Bieito, no que se celebra o San Bieito Pequeno, para o 25 de xullo, día de Santiago, no que se celebra o San Bieito Grande. Descoñecemos cando se determinou facer unha mudanza tan gratuita (tal vez se pretendía atrair mais 'turistas'?). As celebracións esténdense tamén para a véspera día 24 no que decorre o traslado en procesión e encontro na ermida de San Bieito de Mercurín das imaxes das igrexas parroquial de San Xoán, Santuario de Altamira e ermida de San Marcos, todas da parroquia de Ancéis.


Grupo de mozos e mozas de festa na romaría. No fundo percébese un carro do país
empregado para portar viandas e bebidas. Fototeca Concello de Cambre.
Dous veciños de Andeiro diante da fonte de San Bieito nos anos 30. Fototeca de Cambre - PDF

Como é costume, os organizadores insisten na castellanización do nome. Os actos da romaría seguen a mesma constante: perda do sentido orixinal polo empacho de todo tipo de actos; alén das tradicionais misas, procesión, comida campestre e música e baile tradicional, súmanse as sesións vermú, verbenas, actos desportivos e recreativos, e toda sorte de enchentas gastronómicas ('mexilonadas', sardinhadas, carne ao caldeiro, etc.) para completar aqueloutras 'enchentas' do espírito, ao que parece que há que manter sempre ocupado, entretido ou divertido...

Rosquillas, velas e ex-votos xunta a fonte de San Bieito

Chegada da procesión coa imaxe do santo - Volta ritual ao templo
 
Misa no campo da ermida - Poxa do galo. La Voz de Galicia 2000

Procesión coas imaxes da Virxe, San Xoán Bautista e San Bieito
procedentes do Santuario de Altamira, parroquial de San Xoán e Ermida de San Marcos.

O Santo é venerado por propiciar  a curación de afeccións da pele (verrugas, espiñas, pequenos nódulos eruptivos, etc.) para o cal os devotos pasan ritualmente os panos da imaxe do santo polas zonas da pele afectadas. O rito de raigame mais pagá é a entrada no templo por algunha das pequenas xanela da cabeceira da ermida, que favorece unha curación completa. As peticións deben ir acompañadas da asistencia aos actos relixiosos, procesións e misas que se celebran durante toda a xornada. Alén dos ritos propiciatorios a romaría inclúe ritos retributivos, o oferecimento ao santo dunha serie de 'pagos' ou doazóns cando xa realizou a curación, que van desde a asistencia à romaría unha serie de veces ou toda a vida até ofrendas como velas, aceite, ou galos (que serán objeto de poxa), que poden ser sustituídas por doazóns en diñeiro que se colocan entre as pregas da veste da imaxe. 

A romaxe, que estaba a esmorecer, recuperou o pulo popular desde 2000, consolidándose nos últimos anos. 
 
Ritos propiciatorios: paso da xanela, pasar o pano pola imaxe, tocar a imaxe.
 
 
Vista do comprimento da ermida. Grupo de gaiteiros

MÚSICA EN CAMBRE

Nos primeiros anos desta última xeira houbo participación de grupos corais nas misas e polo menos un festival de música coral que, segundo inferimos, contou coa nosa participación e o doutros coros do concello e da Cruña. Non temos calquer información dos anos 2005 ao 2011. Desde 2012 se ven celebrando unha foliada ou xuntanza de gaiteiros.

Cartaces das últimas edicións da romaría. O principal acto musical
é xa a foliada (2012) ou xuntanza (2013, 2014) de gaiteiros.

LIGAZÓNS

Fotogalería do concello de Cambre: anos 2002 - 2003 - 2004
La Voz de Galicia: ano 2000
La Opinión da Coruña: ano 2011