Read more: http://www.bloggergifs.com/2013/12/abrir-enlaces-externos-en-otra-pestana.html#ixzz2qsNiSmUb Fuente: http://www.bloggergifs.com/ Follow us: @alore67 on Twitter

sexta-feira, 1 de agosto de 2014

Alalá do Cebreiro


A información sobre os alalás e un tanto confusa por misturarse os lugares de recollida e os nomes das pezas. Alén diso, as letras varían non poucas veces, sendo habitual que algunhas coplas muito populares servan para interpretar distintos alalás, como comprobamos ao escuitar a versión do Alalá do Cebreiro da Coral De Ruada coas versións do Alalá de Triacastela que vimos recentemente.

Do Alalá do Cebreiro, ou con ese título, temos duas versións que partillan música (con distintos arranxos, obviamente), a de Brañas Folk e a de Nova Galega de Danza, e a da coral De Ruada que parece bastante distinta. E aínda há indicios de haberen outras ou de corresponder algunha delas ao Alalá da Ulla Alta...

Sex o que for, nós deixamos constancia da información recadada na rede aguardando a que o paso do tempo, e a información de eventuais leitores, esclareza algunhas das nosas actuais perplexidades.

LETRA E MÚSICA


Letra e música do Alalá do Cebreiro segundo o Cancioneiro Popular Galego: Eu non canto por cantar. Coa primeira estrofe comeza tamén a versión do Coro De Ruada de Ourense cuxo vídeo xuntamos abaixo.
LETRA


Esta é a letra da versión de Brañas Folk, cuxo vídeo tamén xuntamos abaixo. Unha variante da segunda copla diz: "A raíz do toxo verde, / é moi mala de arrincare, /os amoriños primeiros, / son moi malos de olvidare." A terceira estrofa recollida no concello de Cerceda. Noutra versión ("Non me tires con pedriñas / que eu case non chas aceito / mentres o mundo foi mundo / ti para min xa tes feito") a copla forma parte dun tema interpretado por Uxía titulado "Desamores".

VÍDEOS

          

Coral De Ruada (2012) e Brañas Folk (2009). Abaixo, 
Nova Galega de Danza e Orquestra de Jazz de Galicia (2009)


CAPAS

 

Capas do primeira edición de Así canta Galicia da Coral De Ruada de Ourense
que inclúe unha versión do Alalá do Cebreiro, do disco Alalá do Cebreiro
de Brañas Folk e (abaixo) de Tradicción de Nova Galega de Danza,



 LIGAZONS E BIBLIOGRAFIA

Fonte da fotografia (1910) do Cebreiro: galicianshop.

Cancioneiro Popular Galego: Eu non canto por cantar, 2014 (Letra e música: PDF)

De Ruada (dirección de Manuel de Dios): "Así canta Galicia": 1959 (1 - 2 - 3)
Descargar a versión de Brañas Folk en MP3: FVTO.
O disco de Brañas Fol em SPOTIFY.

Artigo sobre Tradicción, de Nova Galega de Danza no blogue Malmequer
Alalá do Cebreiro de Nova Galega de Danza en DEEZER.
O disco Tradicción de Nova Galega de Danza en MYWAY.




quarta-feira, 30 de julho de 2014

Música en Cambre: Romaría de San Bieito de Mercurín


A romaría de San Bieito de Mercurín (San Xoán de Ancéis) é a única tradicional que se mantén no concello de Cambre. Seguindo un costume que deturpa as nosas tradicións, moveuse o día da romaxe do propio 11 de xullo, día de San Bieito, no que se celebra o San Bieito Pequeno, para o 25 de xullo, día de Santiago, no que se celebra o San Bieito Grande. Descoñecemos cando se determinou facer unha mudanza tan gratuita (tal vez se pretendía atrair mais 'turistas'?). As celebracións esténdense tamén para a véspera día 24 no que decorre o traslado en procesión e encontro na ermida de San Bieito de Mercurín das imaxes das igrexas parroquial de San Xoán, Santuario de Altamira e ermida de San Marcos, todas da parroquia de Ancéis.


Grupo de mozos e mozas de festa na romaría. No fundo percébese un carro do país
empregado para portar viandas e bebidas. Fototeca Concello de Cambre.
Dous veciños de Andeiro diante da fonte de San Bieito nos anos 30. Fototeca de Cambre - PDF

Como é costume, os organizadores insisten na castellanización do nome. Os actos da romaría seguen a mesma constante: perda do sentido orixinal polo empacho de todo tipo de actos; alén das tradicionais misas, procesión, comida campestre e música e baile tradicional, súmanse as sesións vermú, verbenas, actos desportivos e recreativos, e toda sorte de enchentas gastronómicas ('mexilonadas', sardinhadas, carne ao caldeiro, etc.) para completar aqueloutras 'enchentas' do espírito, ao que parece que há que manter sempre ocupado, entretido ou divertido...

Rosquillas, velas e ex-votos xunta a fonte de San Bieito

Chegada da procesión coa imaxe do santo - Volta ritual ao templo
 
Misa no campo da ermida - Poxa do galo. La Voz de Galicia 2000

Procesión coas imaxes da Virxe, San Xoán Bautista e San Bieito
procedentes do Santuario de Altamira, parroquial de San Xoán e Ermida de San Marcos.

O Santo é venerado por propiciar  a curación de afeccións da pele (verrugas, espiñas, pequenos nódulos eruptivos, etc.) para o cal os devotos pasan ritualmente os panos da imaxe do santo polas zonas da pele afectadas. O rito de raigame mais pagá é a entrada no templo por algunha das pequenas xanela da cabeceira da ermida, que favorece unha curación completa. As peticións deben ir acompañadas da asistencia aos actos relixiosos, procesións e misas que se celebran durante toda a xornada. Alén dos ritos propiciatorios a romaría inclúe ritos retributivos, o oferecimento ao santo dunha serie de 'pagos' ou doazóns cando xa realizou a curación, que van desde a asistencia à romaría unha serie de veces ou toda a vida até ofrendas como velas, aceite, ou galos (que serán objeto de poxa), que poden ser sustituídas por doazóns en diñeiro que se colocan entre as pregas da veste da imaxe. 

A romaxe, que estaba a esmorecer, recuperou o pulo popular desde 2000, consolidándose nos últimos anos. 
 
Ritos propiciatorios: paso da xanela, pasar o pano pola imaxe, tocar a imaxe.
 
 
Vista do comprimento da ermida. Grupo de gaiteiros

MÚSICA EN CAMBRE

Nos primeiros anos desta última xeira houbo participación de grupos corais nas misas e polo menos un festival de música coral que, segundo inferimos, contou coa nosa participación e o doutros coros do concello e da Cruña. Non temos calquer información dos anos 2005 ao 2011. Desde 2012 se ven celebrando unha foliada ou xuntanza de gaiteiros.

Cartaces das últimas edicións da romaría. O principal acto musical
é xa a foliada (2012) ou xuntanza (2013, 2014) de gaiteiros.

LIGAZÓNS

Fotogalería do concello de Cambre: anos 2002 - 2003 - 2004
La Voz de Galicia: ano 2000
La Opinión da Coruña: ano 2011

sábado, 26 de julho de 2014

As obras cénicas de Marcial del Adalid (II): "Inese e Bianca"


Título: Inese e Bianca
Libretista: Achille de Lauzières
Música: Marcial del Adalid
Ano: [ca. 1875-8]
Lugar: [París]

Fonte: malvarez.com


COMENTARIO


Cartaz da estreia parcial
Drama lírico en catro actos e un prólogo composto durante a súa estadía en París para ser representada do Théâtre des Italiens, mas a crise da empresa produtora impediu a estreia. Parece que houbo intención de estreala en Madrid. Adalid utilizou un libreto de Achille de Lauzières-Thémines, libretista da versión italiana de Don Carlo de Verdi.

Inés e Branca (esta sería a versión correcta en galego) permaneceu inédita até 2005, cando se publicou a primeira edición baixo a dirección de Margarita Viso, a principal pesquisadora da figura e a obra de Marcial del Adalid. Houbo que reconstruir algunhas páxinas dos actos I e IV.

En 31 de xaneiro de 2007 interpretáronse uns fragmentos da ópera en redución para piano e voz. En 21 de abril do mesmo ano foi estreada tamén na Cruña en versión de concerto semiescenificada unha selección de Inés e Bianca.

Por ser Inese e Bianca unha adaptación de Pedro Madruga o argumento da zarzuela pode xogar algunha luz sobre a nosa ópera.

ARGUMENTO

A partitura manuscrita de Inese e Bianca
custódiase no Arquivo da Academia Galega
"A acción transcorre en Galicia, concretamente nas proximidades do castelo de Sotomaior, na época das revoltas irmandiñas. Pedro, un mozo da aldea namorado de Inés é, en realidade, fillo bastardo do señor do castelo; morto o seu pai debe facerse cargo da herdanza, mais promete a Inés amor eterno, tanto na vida como na morte. As súas obrigas lévano á guerra e, ante a desesperación de Inés pola súa marcha o seu pai adoptivo, Diego, cóntalle que podería casarse con Pedro ao ser ela, tamén, de nobre liñaxe: a condesa de Caminha, gorecida na casa de Diego por mor da guerra, pouco despois de chegar morreu ao parir dúas xemelgas; el entregaría unha delas ao conde, o seu verdadeiro pai, quedando coa outra, a mesma Inés, e criándoa como se fose a súa filla. A rapaza corre na procura de Pedro para llo contar, mais morre nun accidente no camiño. O tempo pasa para o desconsolado Pedro, que acaba atopando o amor na actual condesa de Caminha, Blanca, de sorprendente parecido con Inés. Pedro e Blanca prométense e van casar, mais a sombra de Inés aparece para lembrarlle aos noivos a promesa de amor eterno que Pedro lle fixera. Diego revela que ambas son irmás, mais non pode evitar a morte de Pedro, requirido desde ultratumba por Inés." (Javier Jurado Luque, 2010, vol. 1, p.220).

 
Capa da publicación das I Xornadas de Divulgación do Patrimonio
Musical Galego na Universidade da Cruña (2009)
Capa da edición da redución para canto e piano (2005)

VÍDEO


           

Celia Varela canta a Cavatina de Inés: “Una storia troppo mesta canterò… una stella in ciel gemmato” no comezo da ópera. A letra da tonada (tamén) forma parte da ópera Mazeppa, igualmente un drama lírico en catro actos, con música de Fabio Campana e libreto de Achile de Lauzières baseado no poema homónimo de Byron, estreado en Boloña en 1850.

No outro vídeo a soprano Teresa Novoa interpreta unha pasaxe que non identificamos.

LETRA DA CAVATINA DE INÉS
(retirada da ópera Mazeppa, 'Mistero')

BIBLIOGRAFÍA E LIGAZÓNS


Sobre Marcial del Adalid

"Marcial del Adalid" (Wikipedia)
Mariano Pérez Gutiérrez, Diccionario de la música y los músicos, Volume 1 (Google Books)
José Antonio Bielsa Arbiol, "Biografías Musicales - nº 1: Marcial del Adalid" (Ligazón)
Legado de Marcial del Adalid na Academia Galega (Academia)
Margarita Viso, "Del catálogo provisional de Marcial del Adalid. Estudio sobre la significación de su literatura pianística" [JSTOR]
Bibliografía de Margarita Viso: Dialnet

Relación de obras

Suzanne Rhodes Draayer, "Marcial del Adalid Gurrea", cap. 25 de Art Song Composers of Spain: An Encyclopedia (Google Books) [relación completa? das súas obras]
Obras de Marcial del Adalid (Xunta - Educación)

Vídeos

Vídeos de Marcial del Adalid (Mashpedia)

Inese e Bianca (ópera)

* Juan Durán, Reconstrucción de la ópera "Inés e Bianca" de Marcial del Adalid (Ficha)
* Margarita Soto Viso, “Inés e Bianca: ópera inédita e inaudita de Marcial del Adalid (1826-1881)”. En: Ritmo, nº 493, páx. 26-31. Madrid: Lira, 1979
Inés e Bianca : drama lírico en 4 actos / música, Marcial del Adalid ; libreto, Archille de Lauzières ; revisión, Margarita Viso e Juan Durán, 2005.
* A ópera "Inés e Bianca" de Marcial del Adalid: programa do Concerto, presentación, escritos, libreto e tradución (Universidade da Coruña, 2009) [dialnet]
- Julián Jesús Pérez Fernández, "A ópera Inés e Bianca de Marcial del Adalid: historia, ficción e música"
- Margarita Soto Viso, "Antecedentes de Inés e Bianca: Pedro Madruga"
- Juan Durán Alonso, "A reconstrucción musical de Inés e Bianca: unha pequena odisea musical"
- Paloma Alonso Alberti, "Música e palabra"
- Florian Vlashi, "Cara ao Océano"
* Javier Jurado Luque, A lenda de Montelongo: A zarzuela galega como manifestación cultural multidisciplinar na conformación do nacionalismo galego, TESE, A Coruña, 2010 [Resumo e ligazón a texto completo en Dialnet - Texto completo (PDF) en Repositorio da Universidade da Coruña]

Interpretacións

Interpretación de fragmentos 2006, Paraninfo da Universidade da Cruña (Programa)
Interpretación da versión en concerto, Festival de Ópera da Cruña 2007 [Video]
Presentación de la restauración de ‘Inés e Bianca’ de Adalid (Mundo clásico, 15/01/2007)

Letra da "Cavatina"

Achille de Lauzières & Fabio Campana, Mazeppa; dramma lirico en parti quattro (1850) [Archive]

quarta-feira, 23 de julho de 2014

2003 Xullo - Actuación na Romaría de San Bieito de Mercurín

ROMARÍA DE SAN BIEITO DE MERCURÍN

Campo da Ermida de San Bieito de Mercurín, Ancéis.
Sexta feira, 25 de xullo

Corais participantes (sem ordenar)

CP O Adro de Bribes
CP de Cecebre
CP Santa María de Cambre
Coral descoñecida (Cruña)
Coral descoñecida

COMENTARIO

Atando cabos ceibos ou inseguros (as imaxes da galería de fotos do concello, a lexenda -errada- dun agasallo sen asignar e dúas fotografías que críamos corresponder -por exclusión- a unha participación nas Festas de San Lourenzo de Meixigo) concluín que a nosa coral participou na Romaria de San Bieito de Mercurín en 2003. 

A romaría, única do concello de Cambre, decorre o 11 de xullo, día propio do santo de Nursia (San Bieito Pequeno), e o 25 do mesmo mes (San Bieito Grande). No San Bieito Pequeno celébranse misas ao longo do día. O día 24 delócanse as imaxes desde San Xoan de Ancéis, o Santuario de Altamira e San Marco de Ancéis. O día 25 há novamente misas e actuacións musicais. Todo parece indicar que ese ano de 2003 houbo un encontro de corais logo desaparecido (como comentaremos nunha entrada da sección Música en Cambre). As fotografías da Galería do concello non están tiradas sistematicamente, polo que non se pode determinar completamente cais corais actuaron en qué. Polo menos dúas delas, O Adro de Bribes e Cecebre participaron nas misas cantadas. Outras dúas corais descoñecidas participaron no certame de corais (e case con seguranza tamén a de Cecebre). A semellanza do palco nos levou a concluir que as fotografías da nosa coral indican que nós tamén participarmos na romaría. E, como indica a presenza da pandeireteira (filha da ex-compañeira Carmen Paz), interpretando a "Pandeirada de Vilariño".

Falaremos mais de vagar sobre a romaría na prometida postaxe da categoría Música en Cambre. Na lexenda do obsequio de agasallo lese "Coro Parroquial de Cambre", o que puido deberse a unha confusión. En todo caso, existe ou existiu ese Coro Parroquial e procuramos lle dedicar outra postaxe nesa mesma categoría.

FOTOGRAFÍAS

Misa cantada no San Bieito Pequeno coa Coral O Adro de Bribes
Misa cantada no San Bieito Grande coa CP de Cecebre

Procesión de traslado da imaxe do santo.

 
O paso da xanela (ou da pedra...). A foto da direita é de 2011. Fonte: La Opinión

Dous momentos da nosa actuación (Pandeirada de Vilariño),
que contou coa colaboración da filla da ex-coralista Carmen.
Imaxes escaneadas das fotografías dunha compañeira.

Corais que non pudemos identificar.

LIGAZÓNS

Galería de fotografías San Bieito de Mercurín-Ancéis 2003 (Concello de Cambre)
Romaría de San Bieito (Concello de Cambre)



AGASALLO DOS ORGANIZADORES

San Bieito 2003        Anceis - Cambre

         Coro parroquial de Cambre
                   ... Castañas ...





domingo, 20 de julho de 2014

A canción galega de Ravel



En 1910 o compositor Maurice Ravel participou con sete pezas nun concurso organizado pola Casa do Lied em Moscova. Os temas premiados foron publicados o ano a seguir co título Quattre Chants Populaires. Para a canción nº 1, "Chanson espagnole", empregou a melodía de "Adiós, meu meniño, adiós" (que Marcial del Adalid publicara en 1880 formando parte da segunda serie da colección de Cantares vellos e novos de Galicia) incluíndo o texto galego como alternativa ao francés.

Segundo a ficha 21 da Historia da Música e da Danza (CiUG) "Maurice Ravel antepuxo, para a súa edición en 1925 como Chanson Espagnole, o breve e temperamental preludio de oito compases que antecede o texto. Tras el, a voz desenvolve unha melodía marcada polo seu carácter melancólico, que se divide en dúas partes (A-B), cada unha das cales se repite introducindo pequenas variacións. O acompañamento do piano, que nalgúns momentos dobra a voz, está pensado para remarcar co ritmo harmónico da música o ritmo poético do texto. A última frase da voz é deste xeito acompañado polo piano cunha pasaxe onde se retarda o tempo xeral da canción, subliñando o carácter de despedida que preside toda a obra."

Mas segundo Margarita Soto Viso ("Comentario a la opinión de Pedrell sobre los Cantares viejos y nuevos de Galicia, de Marcial del Adalid", 1991-2, PDF), "la relación entre la obra de Adalid y los Cantos y bailes populares de España de Inzenga es estrecha, ya que aparecen melodías comunes en ambos autores; saber quién influyó a quién es difícil y posiblemente hubo una sensibilidad común, lo que nos interesa aquí es la gran difusión internacional que alcanzaron los cantos de Inzenga, para ello baste recordar que sirvieron de base para el Capricho español de Rimsky y que el canto popular antiguo Adiós meu homiño, adiós -que coincide con el homónimo de Adalid- sirvió de base a Ravel para una Chanson espagnole que con su ritmo de habanera desvirtúa bastante el sentido de texto y música, y a Silvio Lazary para su Cavalier d'Olmedo, cuyo texto en francés, como se deduce del titulo, nos aleja bastante de Galicia; el acompañamiento pianistico, sin embargo, está más cercano al espíritu de la melodía original que el de Ravel."

Só a consulta directa dos Cancioneiros de Del Adalid e Inzega pode esclarecer as cuestións abertas acima e as que logo tracemos á tona sobre o texto orixinal. Polo tono e o retrouso clasificamos esta peza nos alalás.


LETRA


Acho que a letra da versión galega da primeira estrofe, que encontramos en Internet (Youtube, etc), alén dos castellanismos que comentamos logo, é bastante defectuosa. Sería interesante constatarmos se os erros están xa na fonte orixinal ou aparecen na transcripción do texto. No primeiro verso ás veces figura "meniño", alén do gralla no posesivo "men"; no terceiro verso aparece "d'aprendina" e na cuarta liña "quiche" e "can'a terra", todo o cal faz incomprensíbel o texto. Sobre o último primeiro pensei en mudar "qued'a can'a" por "qued'a canda a" ou "queda a canda a", aínda que "canda" no sentido mais correcto emprégase con verbos de movimento non deixarei de ter un efeito poético (pódese ver o que fica como se estivese a se afastar). Mas nunha letra tão castelhanizada o normal é que fose un erro gráfico, xa repetido na fonte, de o/a, e que o apóstrofo indique que non se contraia a preposición "con" co artigo "a".

No orixinal rexístrase o pronome relativo con grafía hiperfoneticista grafando i no lugar do e fechado ("qui"/que). Mención á parte merecen os castellanismos que ateigaban o galego (e mais aínda o galego escrito) do século XIX. "Adiós" é o mais sangrante; "marcharse", "olvidar" e "quedar" preteren formas galegas mais genuinas e/ou frecuentes ("partir", "esquecer", "ficar"). 

A segunda estrofa é mais coñecida por ser unha copla popular empregue por Rosalía de Castro. É claro que "gallego" é craso castellanismo. "Castellano" e "Castilla" serían mais aceptábeis, aínda que a forma galega é Castela, e serían, se non introducidos, polo menos popularizados, polos galegos que ian traballar a Castela.

E last. but not least, notar esa grafía recorrente do adverbio "ja", na mellor onda reintegracionista (talvez ela provir da escrita de Francisca González Garrido, Fanny Garrido, a poetisa e dona de Marcial del Adalid).


Meniño ou homiño?

Sem termos mais información há que recorrer à lóxica. Mas a lóxica pouco axuda. En principio ian prá guerra os homes novos, o que admite ambas as solucións homiño-meniño. Fale unha nai ou unha noiva/dona nos dous casos tamén serían aceptábeis ambas as leituras, embora teñan preferencia as asociacións nai-meniño e noiva/dona-homiño. A palabra "prenda" parece indicar o segundo. "Homiño" parece menos apropriada para se dirixir a un ser querido por ter conotacións pexorativas. Mas "meniño" non parece muito apropiado para un mozo que vá prá guerra. Por outro lado, a ambigüidade entre as dúas interpretacións confire unha especial tensión ao texto, integrando os dous aspectos... como a realidade mesma.  

En "Campanas d'Anllóns" (1861), poema de Eduardo Pondal, encontramos pasos que poden estar inspirados na copla popular, e que serían o salvoconduto con que gañou o aprecio do pobo, mais ainda se identificamos os personaxens e vemos no referente da copla o protagonista do poema, que daría resposta a aquel:

"[...] ¡Cantas veces te lembrou / o que marchou para a guerra, / cando á súa nai deixou, / e partindo a extraña terra / de Baneira te escoitou! / [...] /"Oh, nai da miña vida, / adiós, adiós, meu pai; / prenda de min querida, / adiós, oh, miña nai: / sombras dos meus avós, / río da Ponte-Ceso, / pinal de Tella espeso..., / acordávos dun preso / como el o fai de vós [...]" 
Por outro lado, as duas estrofes da canción de Ravel teñen en común a dependencia dos galegos que teñen que sair da terra para servir a un poder alleio. Mais unha vez, a morte por forza ou por fome.

VIDEOS

    
                 "Chanson espagnole" de Ravel                        "Adeus, meu meniño, adeus" de Marcial del Adalid

LIGAZÓNS

Sobre Maurice Ravel

Fotografía: Maurice Ravel no piano 1912 [Wikipedia]
C
ecilia Bartoli Maurice Ravel Chants populaires (As catro cancións) [Youtube]
7. Chanson espagnole from Maurice Ravel's Chants Populaires (versión en galego) [Youtube]
Maurice Ravel, Chanson espagnole - Bruno Laplante et Jean-Eudes Vaillancourt (versión en francés) [Youtube]
The Lied, Art Song, and Choral Texts Archive (letra galego e francés) [Recmusic]

Sobre Marcial del Adalid

Camerata Meiga- Adiós Meu Meniño, ¡Adiós! (A canción de Marcial del Adalid) [Youtube]

Sobre José Inzega y Castellanos

José Inzenga, Cantos e Bailes da Galiza, Estudo e edição crítica de José Luís d. P. Orjais [PDF Dossier Difusora ed.]
José Inzenga, Cantos y bailes populares de España, 1888 [Archive - Issuu, só Valencia]
Juan Bautista Varela de Vega, "Un castellano pionero en la recopilación del folclore musical gallego" , 1989 [Rev. de Folclore]

Sobre Ravel e Del Adalid

21. Marcial del Adalid, Adiós, meu meniño, adiós (Sobre a adaptación de Ravel) [CiUG]

Sobre Ravel, Del Adalid e Inzega

Margarita Soto Viso"Comentario a la opinión de Pedrell sobre los Cantares viejos y nuevos de Galicia, de Marcial del Adalid", 1991-2, PDF - No Blogue de Patrimonio Musical Galego (Sobre o tema recompilado por Inzega e a versión de Ravel).

Sobre a canción galega culta e profana na segunda metade do século XIX

Xoán M. Carreira, "La canción gallega de Ravel", 2002 [Mundo clásico]