Read more: http://www.bloggergifs.com/2013/12/abrir-enlaces-externos-en-otra-pestana.html#ixzz2qsNiSmUb Fuente: http://www.bloggergifs.com/ Follow us: @alore67 on Twitter

domingo, 9 de novembro de 2014

Zarzuela galega: "Santos e meigas"


Título: Santos e meigas. Idilio campesino
Libretista: Manuel Linares Rivas
Música: Vicente Lleó Balbastre e José Baldomir
Ano: 1908
Lugar: Madrid






Santos e meigas. Idilio campesino, zarzuela nun acto e tres cadros sobre libreto orixinal de Manuel Linares Rivas con música de Vicente Lleó Balbastre e José Baldomir, estreouse no Teatro de la Zarzuela de Madrid o 11 de febreiro de 1908. Propriamente non é unha zarzuela galega, a pesar do título en galego, mas de temática (pretensamente) galega.

O dramaturgo Manuel Linares Rivas (1878-1938), autor dunha extensa obra dramática e ensaística cun estilo "clásico postromántico" influido por Echegaray, Benavente e Galdós, estudou Dereito e exerceu a carreira política como deputado e senador vitalicio. Porén, a xordeira progresiva que padecía afastouno desta vía, orientándoo cara á arte dramática, na que sobresaíu nunha época na que os teatros de Madrid solicitaban moita produción. Foi membro da Real Academia de la Lengua desde 1921.


Manuel Linares Rivas fotografado por Kaulak (Esacademic) Portada dunha das súas obras cuxo
título compendia o paso da gloria ao esquecimento do dramaturgo compostelano (Mercado libre)


O argumento de Santos e meigas é moi sinxelo mais, respondendo ás características da obra de Linares Rivas, esténdese máis aló do que parecería xustificable, coa inclusión de personaxes e situacións que nada aportan á trama principal. A acción é coetánea á escrita, e transcorre na Galiza [Jurado 2010].


ARGUMENTO

O cadro primeiro desenvólvese na praza dunha aldea, onde as mozas preparan ramas para unha ofrenda na igrexa. Carmiña vai casar con Ambrosio, fillo do secretario do concello, aínda que antes estivo con José, quen tivo que fuxir ás Américas tras ser denunciado por ladrón polo pai dela, cando o mozo só entraba na casa polas noites para estar coa rapaza. José volve repentinamente á aldea e está a piques de se enfrontar con Ambrosio. Mari-Pepa, namorada de José, pide ao milagreiro san Cristovo o mozo para si.

Na cadro segundo, nunha chouza na montaña, Mari-Pepa trata con Vicenta, a meiga, para conseguir o amor do mozo. José anda á súa procura, mais non para requirila de amores, senón para pedirlle que fale con Carmiña e a convenza de que deixe a Ambrosio e volva con el. José e Ambrosio están a piques de se enfrontar, mais a chegada doutras persoas fai que o deixen para mellor ocasión. O cadro terceiro e derradeiro transcorre na ermida de san Cristovo, onde acoden as xentes para orar e pedir. Vicenta une a Mari-Pepa e a José, quen reflexiona sobre o feito de que pediu un amor aos santos e llo conseguiu unha meiga, ao que esta responde que Santos e meigas son o mesmo, segundo as cousas saian ben ou mal.
Jurado 2010


A escrita de Santos e meigas reflite o estilo costumista característico de Linares Rivas, dramático, social e realista, e ofrece unha visión estereotipada tanto dos sinais galegos de identidade como do propio idioma (cf. infra.).


Cenas do primeiro e segundo actos de ¡Mal año de lobos...! (1927),
"drama rural" de carácter galego como Santos e meigas - Fonte

Dunha análise comparativa coas zarzuelas galeas, particularmente A lenda de Montelongo, Jurado conclúe que Santos e Meigas, "a pesar de estar redixida en castelán, presenta algunhas das particularidades propias das zarzuelas galegas, tanto no que se refire á música como á temática do libreto. Porén, o emprego do castelán e a forma de abordar o texto do libretista afástana do xénero (independentemente da posibilidade dunha tradución completa do texto e a adecuación dos números musicais precisos ao galego)".


Crónica do ABC sobre a estreia madrilena de Santos e meigas - Fonte: Hemeroteca ABC


A questione della lingua

A obra de Linares Rivas oferece, en consonancia co seu estilo e motivación, unha visión estereotipada do idioma galego. Surprende a indicación presente no libreto tras o reparto: “Se suplica que no hablen en gallego teatral, sino con naturalidad”, pois “unha análise detallada do libreto demostra que non existe ese galego (nin teatral nin natural), máis aló do emprego dalgunha palabra solta e da visión estereotipada do galego, no sentido de sonoridade máis que como idioma real. Atopamos os característico diminutivos galegos, tanto con función expresiva de cariño ('santiña', así como nos nomes propios), de aprobación ('amoriño', 'cuentiño') e de conmiseración ('pobriño'); tamén utiliza algunhas palabras soltas facilmente asumibles como galegas ('cantade', 'hom', 'meiga') así como construcións maiores (como a castelanización do pronome de solidariedade en 'Creo que le [sic] es mala enfermedad')” ao que podemos sumar a utilización da gheada [Jurado 2010].

A raíz da aparición dun autógrafo en galego de Linares Rivas, publicado nunha revista galega de Buenos Aires (“A mis paisanos. ¡Boas tardes, filliños! Non olvidarvos das faldas dos nosos encantiños.- Vostro, Manuel Linares Rivas”), Rafael Dieste escrebe o ensaio "Galeguismo de esportación" (14 maio 1926) no que encoraxa a esquecer o anti-modelo do consagrado dramaturgo: "deixemos o galego famulicio, estival e histriónico del Sr. Linares Rivas".


¿En que idioma fala eiquí o siñor Linares Rivas? ¿No castelán misturado e ausurdo que
na cidade falan aos domingos algunhas criadas? ¿No galego dos madrileños que pasan
o vran nas Rías Baixas? ¿Ou, sinxelamente, no galego lisiado con que o Sr. Linares Rivas
quer suxerir ás xentes de afora o ambente galego levado á escea? Non nos podemos decidir
por ningunha das conxeturas. O castelán dominical das criadas sona o mesmo que o galego estival dos madrileños e que a xerga das comedias linarianas de ambente galego.


Seguindo a visión costumista, a obra incorpora dous textos de Rosalía de Castro (mais concretamente, de Follas Novas) nas romanzas de Mari-Pepa ("Eu levo unha pena") e José ("A un latido, outro latido"). A primeira delas aparece no libreto coa adaptación ao castelán ao lado, que permite cantala en castelán sen perder a métrica nin a rima ao cambiala de idioma, cousa que non acontece coa de José, moito máis doada de entender en galego [Jurado 2010].


Os dous poemas de Follas Novas




A MÚSICA, OS MÚSICOS


 Vicente LLeó Balbastre (Wikipedia) - José Baldomir (Patrimonio musical galego)


A música de Santos e meigas, como consta no índice da portada da partirtura, editada en 1909, consta de Preludio, Procesión, Intermedio, Ala-lá, Romanza de Mari-Pepa, Recitado, Terceto, 2º Intermedio, Balada de José, e Final.

O compositor coruñés Xosé Baldomir (1867-1947), alén de profesor, director de orfeóns e orchestras, e musicólogo, destacou na criación de baladas galegas sobre poemas de Curros Enríquez ("¿Cómo foi?"), Eduardo Pondal ("Monte Branco", "Ten o seu punto a rosa"), Ramón Cabanillas ("Camiño da ermita", "O cantar"), e Rosalía de Castro ("Grilos e ralos", "Maio longo", "Ti onte, mañán eu"). Posibelmente accedeu a musicar unha obra en castelán para obter o recoñecimento da capital do reino [Jurado 2010].

Da ampla obra do compositor valenciano Vincent Lleó i Barbastre (1870-1922) destaca a zarzuela La Corte de Faraón (1910).

LIGAZÓNS
TEXTO

Santos e meigas, idilio campesino : zarzuela en un acto y tres cuadros (1908) - ARCHIVE INTERNET

ESTUDOS

Javier Jurado Luque, A lenda de Montelongo: A zarzuela galega como manifestación cultural multidisciplinar na conformación do nacionalismo galego, 2010 [Resumo e ligazón a texto completo en Dialnet - Texto completo (PDF) en Repositorio da Universidade da Coruña].

Juan Pérez Berná, Margarita Viso, Rocío Chao Fernández, Carlos Blanco Dávila: "Santos e Meigas", idilio campesino en un acto, Revista de musicología, Vol. 32, Nº 2, 2009 (Ejemplar dedicado a: VII Congresos de la Sociedad Española de Musicología (Cáceres, 12 al 15 de noviembre de 2008), págs. 51-68 - DIALNET

AUTORES

Manuel Linares Rivas - Wikipedia - Fidel López Criado, "El caso de Linares Rivas: exhumación de una obra maldita" - PDF

José Baldomir Rodríguez - Blogoteca - Patrimonio Musical Galego - Wikipedia
Vicent Lleó i Balbastre - Wikipedia

Fotografia de Rafel Dieste - Blogue Os libros de Ánxel Casal

Sem comentários:

Enviar um comentário